PharmaMar comeza o ensaio clínico con Aplidin para tratar a COVID-19

A farmacéutica recibe o plácet da Axencia Española do Medicamento para comezar a tratar a pacientes con coronavirus co seu antitumoral Aplidin.
Sede de PharmaMar (Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera Sede de PharmaMar (Ricardo Rubio / Europa Press).

PharmaMar xa conta coa autorización da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) para iniciar o ensaio clínico co seu fármaco Aplidin para o tratamento de doentes coa COVID-19.

Nun feito relevante comunicado á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a compañía presidida por José María Fernández de Sousa sinala que o ensaio APLICOV-PC é un estudio "multicéntrico, aleatorizado, paralelo e aberto" que servirá para avaliar o perfil de seguridade e a eficacia de tres doses de Aplidin en pacientes coa COVID-19 que precisen de ingreso hospitalario. 

No estudo participarán tres hospitais madrileños e 27 pacientes divididas en tres cohortes con tres niveis de doses diferentes. A todas elas mediráselles a carga viral antes do tratamento e unha vez finalizado o mesmo, así como unha serie de parámetros de evolución clínica, apuntan desde a compañía.

No caso de que nesta primeira etapa os resultados foran positivos, o ensaio continuaría coa dose óptima, após falar co regulador, cunha cohorte máis ampla de pacientes, engaden.

A Plitidepsina, o principio activo do Aplidin, actúa bloqueando a proteína eEF1A, presente nas células humanas e que é empregada polo SARS-CoV-2 para reproducirse e infectar a outras células. Con este bloqueo evítase a reprodución do virus dentro da célula, facendo inviábel a súa propagación.

Esta segunda feira, antes de facer público o inicio dos ensaios con Aplidin, os títulos de PharmaMar incrementaron 14% o seu valor, e suman unha revalorización de 133% desde que o pasado 12 de marzo a compañía anunciara a posibilidade de empregar Aplidin, un antitumoral para o tratamento do mieloma múltiple, para tratar a pacientes afectadas polo coronavirus.

Comentarios