O persoal de Alcoa denuncia a opacidade da negociación entre Alcoa e a SEPI

Factoría de Alcoa en San Cibrao (Foto: Arxina)
Os traballadores de Alcoa en San Cibrao non teñen constancia de ningún tipo de avance nas negociacións. Agardan ter novas do proceso antes do día 22.

O vindeiro día 22 remata o prazo marcado entre Alcoa e o comité de empresa para que a multinacional informe do avance das negociacións para a venda da factoría de aluminio primario de San Cibrao (Cervo) coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que deron comezo o 4 de febreiro.

Na primeira e única xuntanza  celebrada até a data, a do 22 de febreiro, as partes (Alcoa, Ministerio de Industria, Xunta,  sindicatos e comité de empresa) marcaron como prazo para o acordo o día 30 de abril

Pasado o ecuador dese prazo, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan (CCOO), recoñecía esta mesma semana que descoñecen "se hai novidades ou non". "Esperamos que a SEPI estea a avanzar para chegar ao principio de acordo e darlle para diante", sinalaba confiado en contar "dentro de pouco" coa solución enriba da mesa.

O que si teñen claro os traballadores é que a información non está a fluír como outras veces. O representante da CIG no comité, Xosé Paleo, recoñeceu a Nós Diario que nesa reunión, a do 22 de febreiro, só se lles comunicara a entrega do Termsheet coas condicións para a venda e que o Goberno español contestara que aínda non o mirara e que informaría ao comité cando se firmase. 

"Ademais de ser tremendamente opaco é un proceso moi lento. Que nos saibamos, cos datos que temos actualmente, non está nin aceptado o Termsheet", lamentou o representante sindical, para quen esa opacidade, "á marxe do que poida acontecer de aquí ao luns, non é un bo sinal".

Compárao coas conversas deste verán entre Alcoa e Liberty House para este mesmo fin. "Foi un proceso máis transparente desde o principio. As reunións eran máis frecuentes, explicábase o que acontecía e o Goberno español comunicábase cos sindicatos para comentar como ían as negociacións", lembra Paleo.

Posíbeis interferencias

Outra das particularidades deste proceso son as "interferencias" nas negociacións que, como recoñecía o presidente do comité, José Antonio Zan, estaban a "arrefriar" as conversas entre as partes. 

Unha desas interferencias foi a operación policial levada a cabo por orde da Audiencia Nacional nas antigas plantas de Alcoa da Coruña e Avilés, agora en mans de Alu Ibérica

Os traballadores recoñecen que ese arrefriamento "nin nolo confirman nin nolo insinúan", pero máis do que poida entorpecer a negociación o que máis temor lles dá é que a de San Cibrao poida chegar "ao punto no que están esas plantas". 

Problemas de liquidez en Liberty House

O obxectivo é fechar a venda canto antes. En abril a ser posíbel. Pero un contratempo financeiro pode condicionar a operación: a quebra de Greensill, unha financeira británica coa que traballa Liberty House, a empresa interesada en facerse coa planta de aluminio de Cervo, e coa que, segundo o Financial Times, a multinacional mantén unha débeda próxima aos 5.000 millóns de euros, froito do seu ambicioso proxecto de crecemento e expansión internacional. 

Sobre esta cuestión, o presidente do comité sinalou que "quen compra é a SEPI, e por iso pedímoslle que axilice a compra", un feito que, como apunta Xosé Paleo, deixa "moitos encaixes posíbeis; pódese vender totalmente, vendela parcialmente ou cederlla a Liberty para que a explote e que siga a pertencer á SEPI". Con todo, insiste en que "estamos a cegas" e que todas as valoracións que se poidan facer "non deixan de ser especulacións, por eso incide na necesidade de información.

Situación da planta

Do que si teñen constancia é de que a situación das plantas ─tanto a de aluminio primario como a de alúmina─ non é óptima. "Calquera das dúas están bastante deixadas da man de Deus", recoñeceu. 

O mantemento das cubas, como apuntaba nunha recente entrevista o representante sindical das auxiliares, Kike Rocha, está en mínimos. "Os investimentos non existen", denuncia Paleo, que afirma que falar de 3 ou 7 millóns de euros "non se pode considerar un investimento para unha fábrica destas características".