Kike Rocha: "O plan de Alcoa sempre foi espremer a planta de San Cibrao e botala ao lixo"

Mentres Alcoa e a SEPI negocian a venda da planta de San Cibrao, as auxiliares seguen á espera dunha resolución que lles garanta carga de traballo. A falla de novos contratos supuxo a perda de máis dun cento de empregos na comarca. Temen que se non se actúa rápido a planta caia polo seu propio peso. 
Kike Rocha, con casco branco, nunha protesta en defensa do futuro de Alcoa na Mariña.
photo_camera Kike Rocha, con casco branco, nunha protesta en defensa do futuro de Alcoa na Mariña. (Foto: Europa Press)

Pasados varios meses desde que Alcoa anunciara a intención de fechar a planta de aluminio primario de San Cibrao e de deixar na rúa 524 traballadores da principal, como é a situación actual das empresas auxiliares? 

A situación segue a ser crítica. Temos cincuenta compañeiros en ERTE desde abril porque Alcoa decidiu non rebrascar as cubas. A incerteza é total. Non saben se volverán ao seu posto de traballo porque non está claro que a empresa volva pór a fábrica a funcionar ao cento por cento. Con este panorama, as empresas ven en 2021 un ano con pouca carga de traballo, polo cal non están renovando contratos. Temos un regueiro de traballadores que por ERTE ou non renovación de contratos están no paro. Contamos xa 150 persoas entre postos perdidos ou modificados. Aínda así, na fábrica segue a haber un mantemento, aínda que é mínimo. O que perdemos foron eses contratos que Alcoa sacaba cada ano en forma de concurso para tarefas concretas de mantemento. Eses contratos en 2020 xa non os sacou. 

Esa situación podería mudar se hai acordo, xa que a posta a punto sería unha das medidas a tomar pola nova propietaria, non si?

Claro. Nós entendémolo sempre así. O futuro do traballo de todas as persoas, tanto da principal como das auxiliares, pasa pola venda da empresa, porque a firma que tome o control da factoría vai quitar investimentos para pola a punto e que poida funcionar ao cento por cento. O problema agora é que parece que esa negociación se arrefriou.

Si que nos preocupa o feito de que se demore. Estamos xa na conta atrás, e se non se atopa unha saída a planta acabará caendo por si soa.

Unha das vosas queixas é que a empresa nunca tivo en conta nas negociacións, nin do ERTE nin agora da venda, as empresas auxiliares que desenvolven o seu traballo nas instalacións da multinacional americana.

Así é. A información das negociacións que nos chega a nós é a través do propio comité e dos sindicatos. Non houbo relacións nin achegas con Alcoa. Botamos en falta esa comunicación desde o principio. Alcoa negouse a recoñecer o noso papel como actor válido nesta problemática. Non lle saíu ben a estratexia, porque os traballadores das auxiliares están concienciados de que está en xogo o seu pan e tamén van loitar para que haxa unha saída, como fixemos secundando a folga até o inicio das negociacións. 

Pensan que o que está a pasar con Alu Ibérica, coa Audiencia Nacional investigando o proceso de venda, debería ser unha chamada de atención a Alcoa sobre o xeito de proceder con San Cibrao?

A verdade é que non sei que lectura facer do que está a acontecer en Alu Ibérica nin se é positivo ou negativo para as negociacións. O que si vemos é que a historia se enreda cada vez máis. Parece un pesadelo que nunca remata. Ten tantos capítulos que un non sabe xa como contala.  

Detrás destes procesos emerxen prácticas por parte das empresas que vulneran os dereitos laborais. Pensan que son feitos illados ou que van a máis?

Parece que van a máis. As empresas teñen cada vez menos medo de atacar a representación sindical porque recollen un beneficio importante ao expor o resto dos compañeiros e compañeiras. Se se ataca desta maneira os seus representantes, que están apoiados por un sindicato, que poderán facer co resto? Están aumentando estas prácticas e ás empresas sáenlle baratas as sentenzas. Deberíanse tomar cartas no asunto para que atacar dereitos fundamentais, como é a liberdade sindical, non sexa tan sinxelo.

A demora na procura dunha saída, con negociacións frustradas e recursos nos tribunais, pode ser unha estratexia de Alcoa para debilitar a factoría pensando en que tome o relevo un competidor directo como a británica Liberty House?

Si, de feito xa levamos vendo este proceder desde hai un tempo. A realidade é que Alcoa, desde que se fixo dona da factoría, nunca intentou modificar a forma de traballar da fábrica nin se preocupou de modernizala. Seguiu usando a mesma tecnoloxía que cando a comprou no ano 1999. O único que fixo foi espremela. A intención de Alcoa sempre foi esa, espremer a factoría todo o posíbel e, chegado o momento, tirala ao lixo. Nós sempre tivemos esa percepción, agora estase vendo máis claro aínda. Está espremendo a produción sen investir un só euro mentres intenta sacar a mellor venda posíbel, como se fose unha vaca que puidese muxir a máis non poder sen darlle de comer.

Comentarios