Os plans de pensións marcan unha rendibilidade negativa de até 9,7%

A poboación reduciu as achegas para a xubilación.
O gasto en plans de pensións caeu por segundo ano consecutivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera O gasto en plans de pensións caeu por segundo ano consecutivo (Foto: Nós Diario).

Os plans de pensións -produtos de aforro e investimento a longo prazo pensados para a xubilación- obtiveron no Estado español unha rendibilidade negativa de 9,7% durante o ano 2022 debido ás "notábeis correccións acontecidas nos mercados durante o ano", segundo os últimos datos publicados pola Asociación de Institucións de Investimento Colectivo e Fondos de Pensións (Inverco).

Por agora, a rendibilidade dos plans de pensións a longo prazo permanece positiva. A 26 anos, sitúase en 2,8% para o total de plans, e no medio prazo, a 10 e 15 anos, presentan unha rendibilidade de 2,7% e 1,9%.

O ano pasado foi complicado para estes produtos, que rexistraron unha diminución de 32% no volume de achegas brutas ao sistema individual debido á redución do límite de achega a 1.500 euros ao ano. Así, estas situáronse en 1.709 millóns, 830 millóns menos que en 2021.

Este descenso nas achegas brutas aos programas súmase ao experimentado durante 2021, que concluíu con 1.774 millóns de euros menos de achega que no exercicio de 2020.

Con todo, ese aforro non se trasladou aos plans de emprego -instrumentos dirixidos á mellora da ocupación e á inserción laboral-, cunhas achegas de 1.145 millóns de euros, 78 millóns menos que en 2021.

O volume dos activos en plans de pensións ao fechamento do mes de decembro era de 115.641 millóns de euros, 1.117 millóns máis respecto ao trimestre anterior, o que equivale a tan só 1% máis. No conxunto do ano, este rexistrou un descenso de 12.412 millóns de euros, 9,7% menos que en decembro de 2021.

En concreto, o sistema individual fechou o ano con 80.234 millóns baixo xestión, 1,2% máis respecto a setembro, mentres que os plans de emprego alcanzaron un volume de activos de 34.628 millóns, 0,5% máis respecto a setembro.

O número de contas situouse en 9.372.648 a decembro de 2022, aínda que o número de partícipes estimado sitúase ao redor de oito millóns, ao existir partícipes con máis dun plan.

Comentarios