Mobilización contra a "escravitude laboral" nas obras do AVE en Ourense

Convocada pola CIG, denunciou a inacción das Administracións. 
CIG mobilizacion obras ave

Delegados e delegadas da Federación de Construción e Madeira da CIG concentráronse onte diante da estación de tren de Ourense para denunciar unha vez máis as "condicións de escravitude" nas obras do AVE e reivindicar traballo digno e con seguridade fronte a inacción das Administracións.

Segundo explicou a Nós Diario o secretario comarcal, Mario Maceiras, esta mobilización abre unha nova fase nas protestas iniciadas hai unha década para denunciar a situación de explotación á que están sometidos o persoal traballador nas obras da alta velocidade entre Taboadela e Ourense.  

Maceiras critica que as empresas contratistas, o Ministerio de Fomento e a Xunta da Galiza "antepoñan as súas propostas electoralistas por diante da seguridade das traballadoras". Ademais, segundo apunta, só no último ano teñen rexistradas "70.000 horas extra ilegais", o que se traduce nunha media de 4,5 horas por traballador e día e unha xornada laboral de máis de 12 horas, aínda que, como recalca, "hai casos nos que se supera de largo esa duración". 

A protesta deu comezo ás 11.30 horas diante da estación Ourense-Empalme, onde as persoas manifestantes despregaron unha faixa na que se podía ler "Non á escravitude nas obras do AVE! Traballo digno e con seguridade" e berraron consignas contra a explotación laboral.

Ao remate da protesta, o secretario nacional da Federación, Plácido Valencia, leu un comunicado no que se lembraba que a central leva máis dunha década denunciando a vulneración masiva de dereitos laborais nas obras das novas vías do AVE entre Ourense e Lubián, en concreto no tramo máis próximo á Gudiña, onde se dan condicións de traballo de escravitude e explotación laboral.

"A nosa central presentoulle á Inspección de Traballo un informe no que se detallan as preto de 70 mil horas extras abusivas nun ano, coa conseguinte fraude á Seguridade Social; estes abusos acontecen ante a mirada impasíbel do Ministerio de Transporte e da Xunta, que unicamente se preocupan polos anuncios electoralistas dos prazos de remate das obras, mentres que as empresas adxudicatarias FCC, Ferrovial e unha chea de subcontratas da Galiza, Portugal e do Estado español están a facer o seu agosto a conta dos obreiros", denunciou o responsábel sindical.

Comentarios