Organizacións agrarias cifran o recorte da PAC para a Galiza en 77 millóns anuais

Unións cifra o recorte anual en 77 millóns de euros para a Galiza, ao redor de 40 millóns menos no primeiro alicerce, destinado fundamentalmente aos produtores de leite e carne, e sobre 37 no segundo, dedicado á produción ecolóxica, ambiental, montaña e prevención forestal.
Varias vacas de leite nunha granxa da parroquia de Piñeiro en Xermade (Terra Chá). [Foto: Carlos Castro / Europa Press]
Varias vacas de leite nunha granxa da parroquia de Piñeiro en Xermade (Terra Chá). [Foto: Carlos Castro / Europa Press]

Unións Agrarias (UUAA.) e Sindicato Labrego Galego (SLG) rexeitan a proposta de recorte de máis de 20% á asignación da política agraria común (PAC) para o período 2028-2034, ao entender que isto equivale ao seu "desamantelamento".

Así se pronunciaron ambas as dúas organizacións un día despois de que a Comisión Europea presentase a súa proposta para o novo marco financeiro plurianual (MFP) para o período de 2028-2034, que recorta en perto de 25% a asignación da Política Agraria Común (PAC) a partir de 2027 en comparación co anterior orzamento a longo prazo, xa que rebaixa esta partida duns 400.000 millóns a un mínimo de 300.000 millóns.

En concreto, Unións cifra o recorte anual en 77 millóns de euros para a Galiza, ao redor de 40 millóns menos no primeiro alicerce, destinado fundamentalmente aos produtores de leite e carne, e sobre 37 no segundo, dedicado á produción ecolóxica, ambiental, montaña e prevención forestal.

Pola súa parte, Ana Rodríguez, gandeira do sector lácteo de SLG e economista especializa na PAC, móstrase cauta á hora de facer unha estimación, pero entende que, tal e como está exposta a proposta, a redución para a Galiza estaría entre os 50 e os 100 millóns de euros anuais.

Un "ataque" ao sector gandeiro e agrícola ao que se opoñen os dous sindicatos, que, en senllos comunicados de prensa, fan un chamamento para que as forzas políticas "tomen parte", en palabras de UUAA.

A organización que lidera Roberto García confía en que a Comisión "rectificará" unha proposta que "poría contra as cordas a capacidade da Galiza para manter investimentos esenciais para a supervivencia de agricultores e gandeiro".

"Menos recursos, nada de regulación de mercados, desmantelamento da política agrícola común da Unión Europa e maiores desigualdades entre os agricultores dos Estados membro", denuncia Ana Rodríguez.

Pola súa parte, García lamenta que a Comisión "decide apostar pola seguridade militar e cargarse todo o que faga falta, empezando pola PAC".

En todo caso, apuntan que se trata dun documento "de traballo" e unha proposta que "vai ter un percorrido político". "Cando chegue a aprobarse a finais de 2027 vai ter unhas modificacións da mesma radicalidad da que fai a Comisión", confía Roberto García.

Comentarios