O goberno español afirma que aplicou as quitas da forma “máis xenerosa posíbel”

O secretario de Estado de Economía afirma que a solución dada “é satisfactoria para a magnitude dos problemas existentes”

Manifestación Preferentes Pontevedra

Que non se queixen de Gutemala que isto podía ser Guatepeor. Eis o consello que desde o goberno español dan aos milleiros de familias estafadas no calote das preferentes, e que ven como se lles vai aplicar unha primeira quita do 43% dos seus aforros (para os estafad@s por CNG banco).

O goberno español considera que a quita e a canxe á que van ser sometidos @s posuidor@s de preferentes e subordinadas son as mellores posíbeis. Así o manifestou no Congreso o secretario de Estado de Economía e Apoio á Empresa, Fernando Jiménez Latorre.

Para Jiménez Latorre as canxes de preferentes foron "o máis xenerosos posíbeis", afirmando que noutros estados a solución adoptada a este 'problema' foi moito máis negativa para os e as posuidoras destes activos tóxicos.

“Conscientes do problema”

O secretario de Estado considera, textualmente, que a solución dada no Estado españól é “satisfactoria para a magnitude dos problemas existentes”. Afirma, iso si, que o goberno español “é moi consciente do problema e tratou de activar todos os instrumentos que permite a normativa europea” nesta situación. Calificou de “moi estricto” o protocolo da UE para fixar as quitas, polo que a aplicación que do mesmo fixo o executivo central foi, afirma, “o máis xenerosa posíbel”.

Unhas declaracións que non fan senón anoxar aos estafados polo calote, que nos últimos días intensificaron mobilizacións e protestas, obrigando en 24 horas a suspender cinco plenos muncipais en concellos do sur de Galiza. Unha protesta que, advirten, non van deixar mentres non recuperen os seus aforros.

Comentarios