Alza dos prezos

Novo máximo histórico: o prezo medio do litro de gasolina xa non baixa de dous euros e 'fagocita' o desconto de 20 céntimos

Antes de entrar en vigor o desconto de 20 céntimos por litro o prezo medio da gasolina roldaba os 1,8 euros.
A suba da gasolina contrasta coa baixada do diésel. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera O prezo medio da gasolina esta semana foi de 2,048 euros por litro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O prezo medio da gasolina no Estado español encadeou unha nova semana de subas, a sétima, e escalou até un novo máximo histórico, por vez primeira xa por riba da cota dos dous euros por litro, e 'comendo' xa a totalidade da subvención de 20 céntimos por litro que entrou en vigor o pasado mes de abril. En concreto, o prezo medio do litro de gasolina situouse esta semana nos 2,048 euros, tras rexistrar unha repunta de 4% a respecto de sete días atrás, segundo datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea.

Evolución do prezo medio do litro de gasolina e diésel en 2022

 

Ese importe medio inclúe os impostos, pero non reflicte o desconto que entrou en vigor desde o pasado 1 de abril de 20 céntimos por litro. Contando con esa subvención, o prezo do litro de gasolina sería xa practicamente máis caro que na última semana de marzo (1,818 euros), antes de que se comezará a aplicar o desconto, co que o encarecemento rexistrado por este carburante desde entón absorbeu a totalidade da axuda.

No caso do diésel, o prezo medio do litro, logo de tres semanas de baixadas, volveu repuntar, cunha alza de 3,45% a respecto de hai sete días, para situarse nos 1,916 euros. Desta maneira, a pesar deste nivel alto de prezo no gasóleo, este carburante rexistra unha evolución desde principios de marzo máis favorábel que a da gasolina. Así, ao aplicar a rebaixa dos 20 céntimos por litro, o seu importe sería duns doce céntimos menos que a finais de marzo.

En comparanza coa situación de un ano atrás, o prezo medio do litro de gasolina encareceuse 51,6%, mentres que no caso do gasóleo é 58% máis caro, aínda que sen ter en conta a bonificación vixente actualmente.

Os prezos aumentaron 30% desde a invasión de Ucraína

Desde que a finais de febreiro principiara a invasión de Ucraína por parte de Rusia os prezos de ambos os combustíbeis disparáronse case 30%. Estes prezos rexístranse nunha contorna de alzas constantes do cru no actual contexto, marcado por esta guerra.

Así, o barril de Brent, de referencia en Europa, cotizaba esta quinta feira por riba dos 123 dólares, mentres que o Texas americano intercambiábase a algo máis de 121 dólares. O prezo dos carburantes depende de múltiples factores, como a súa cotización específica —independente da do petróleo—, a evolución do cru, os impostos, o custo da materia prima e da loxística e as marxes brutas, polo que os seus incrementos non se trasladan con efecto inmediato ás gasolineiras.

Por riba dos niveis da UE

Con estes rexistros, o prezo da gasolina sen chumbo 95 está no Estado español xa por riba da media da Unión Europea (UE), situada en 2,018 euros o litro, aínda que non da zona euro, cun prezo medio de 2,061 euros.

No caso do diésel, o prezo no Estado tamén volve ser superior ao da media da UE, que é de 1,908 euros, aínda que fica por baixo novamente da zona euro, cun prezo de 1,942 euros.

Comentarios