Novidades para o sector da construcción: A UE implanta novas normas para os edificios do futuro

Os edificios de nova construción deberán ser neutrais en emisións, unh normativa que será de obrigado cumprimento en 2030.
Vista dun edificio de vivendas en Ourense (Foto: Agostime / Europa Press).
photo_camera Vista dun edificio de vivendas en Ourense (Foto: Agostime / Europa Press).

O Parlamento Europeo e os Estados da Unión Europea (UE) acordaron a reforma das regras sobre a eficiencia enerxética no sector da construción, que obrigarán a que a partir de 2030 todos os edificios de nova construción sexan neutrais en emisións contaminantes.

A reforma non só prevé que os novos edificios sexan de cero emisións no horizonte de 2030 senón que dúas décadas despois, en 2050, o sexa a totalidade do parque inmobiliario.

Para iso, os Estados membro e a Eurocámara acordaron unha folla de ruta que obrigará a contar con plans estatais para reducir o uso de enerxía primaria dos edificios residenciais en 16% como moi tarde en 2030 e en 20 ou 22% para o ano 2035.

Esta senda permitirá certa "flexibilidade" aos Gobernos para adaptar os obxectivos ás circunstancias estatais de modo que teñan liberdade para elixir en que parte do parque inmobiliario actuar e con que medidas. 

En todo caso, as actuacións que realicen os Estados deberán garantir que polo menos 55% desa redución se logre a través da renovación dos edificios máis vellos e menos eficientes.

No caso dos edificios non residenciais, as novas regras tamén introducen estándares mínimos de eficiencia enerxética que permitan renovar 16% dos menos eficientes como moi tarde en 2030 e 26% para o ano 2033.

Con todo, os Estados poderán eximir desta obrigación a determinadas categorías de construción, como poden ser os edificios históricos protexidos ou as residencias para as vacacións.

As medidas de financiamento deberán incentivar e acompañar as renovacións, con especial apoio ás persoas máis vulnerábeis e aos edificios con peor rendemento enerxético, que son aqueles onde se atopan os fogares que sofren un maior grao de pobreza enerxética.

Os Gobernos estatais tamén terán que garantir que existan salvagardas para as persoas inquilinas para axudar a abordar o risco de desaloxo de fogares vulnerábeis por aumentos desproporcionados dos alugueres despois dunha renovación.

Comentarios