venres 30/10/20

O norte de Portugal abre unha fenda de 300 millóns coa Galiza na aposta no I+D

Galiza está lonxe de cumprir o obxectivo de investimento para 2020
O norte de Portugal supera a Galiza en investimento, mais tamén en persoal dedicado a tempo completo a actividades de I+D. (Foto: Nós Diario).
O norte de Portugal supera a Galiza en investimento, mais tamén en persoal dedicado a tempo completo a actividades de I+D. (Foto: Nós Diario).

O escaso esforzo investidor en i+D condena Galiza a figurar entre os territorios "modestos" na materia no conxunto da Unión Europea. Así se desprende dos datos do último informe de conxuntura económica presentado polo Foro Económico da Galiza a pasada terza feira, que inclúe unha análise da diferente evolución con respecto ao norte de Portugal.

Segundo este documento, Galiza e Portugal manteñen unha fenda nesta materia de máis de 300 millóns de euros no esforzo investidor en I+D, que se define como a relación entre o gasto en actividades de investigación e desenvolvemento e o Produto Interior Bruto (PIB)

No ano 2018, último período dispoñíbel, o gasto en actividades de I+D representaba na Galiza 0,94% do seu PIB, uns 590 millóns de euros, moi lonxe do obxectivo de 1,7% fixado polo Executivo galego para 2020. Este esforzo investidor non só está lonxe do rexistrado na Unión Europea e na zona euro, que se sitúa en torno a 2,20%, senón que tamén é case seis décimas inferior ao esforzo investidor da rexión norte de Portugal (1,53%), que ronda os 920 millóns de euros. 

Os camiños de ambos os territorios varían moito nos últimos anos. Así, a Galiza logrou o seu máximo esforzo investidor en 2008, con 1% do PIB, mentres que no período comprendido entre 2013 e 2016 este indicador non chegaba nin tan sequera a 0,9%. Pola súa banda, no norte de Portugal o esforzo aumentou até 2011, cando alcanza o 1,49% do PIB, reducíndose até 1,35% en 2015 e aumentando desde entón até 1,53% do PIB actual.

Estrutura do emprego

Este esforzo investidor tamén queda reflectido no eido laboral. O número total de persoas empregadas a tempo completo en actividades de I+D en 2017 (último dato dispoñíbel en Eurostat) na Galiza era de 10.266, das que 6.130 (59,7%) correspondían a persoal investigador, unha porcentaxe que desde 2008 se mantivo inalterábel por baixo de 60%

Namentres, no norte de Portugal o número de empregos asociados a actividades de I+D pasou dos 12.409 en 2008 a 18.504 (case o dobre que na Galiza), e sempre cunha porcentaxe na contorna de 80% de persoal investigador, moi por riba da media da unión europea e dos países da zona euro, que se sitúa en 63,5% e 61,7%, respectivamente.

Atendendo á evolución desde o inicio da crise económica, o norte de Portugal presenta un mellor comportamento tanto no período da crise como na recuperación económica. Se entre 2008 e 2013 a ocupación a tempo completo medrou no norte de Portugal 20,2%, case dez puntos máis que a media comunitaria, na Galiza descendeu 3% no mesmo período. Desde a saída da crise, a ocupación aumenta tan só 9,4% na Galiza fronte a 24,1% no Norte de Portugal. 

Esta fenda entre ambas as dúas rexións é máis acusada no caso do persoal investigador, xa que na Galiza o seu número redúcese 6,4% entre 2008 e 2013, a diferenza do que acontece en Portugal, cunha medra de 13%.

A Galiza ten, pois, moita marxe de mellora se quere equipararse ao veciño do sur e non quedar descolgada de Europa.

comentarios