Mapa europeo da innovación rexional: Galiza retrocede mentres o norte de Portugal avanza

O noso país figura de 190 entre os 238 territorios de Europa analizados no ‘Índice de Innovación Rexional’ da Comisión europea, retrocedendo 9 postos a respecto de 2016. O Norte de Portugal figura no posto 100.

Laboratorio da USC (Foto: Arxina).
photo_camera Laboratorio da USC (Foto: Arxina).

“Galiza forma parte das denominadas ‘rexións innovadoras moderadas’ de Europa, mentres que rexión norte de Portugal está considerada como innovadora forte”. O Foro Económico da Galiza analiza e debulla no seu último informe de conxuntura a evolución e situación de ambas as dúas áreas a respecto da I+D+i.

“En 15 dos 17 indicadores do índice rexional de innovación a rexión norte de Portugal presenta unha mellor posición relativa” ca Galiza, certifica o Foro. O que vén remarcar unha realidade etstada nos últimos anos por diferentes estudos e análises.

En competitividade en innovación rexional estamos na posición 190 mentres o Norte de Portugal está no 100

En competitividade rexional estamos na posición 190 entre as 238 rexións de Europa, un posto máis que modesto e que supón un retroceso de 9 lugares a respecto do que tiñamos en 2016 (181) e de 8 sobre o de 2013 (182). O norte de Portugal está no posto 100.

A Comisión Europea publicou hai un tempo o seu Regional Innovation Scoreboard (Índice de Innovación Rexional) correspondente a 2019. Un traballo no que se analiza a capacidade e realidade innovadora de 238 rexións e clasifícanse as mesmas en base a 17 indicadores. Desde o emprego ligado a I+D até o número de patentes rexistradas ou de persoas con doutorado, pasando pola análise do tecido empresarial ou mercado laboral.

Tendo todos estes dados en conta, fíxanse catro grandes grupos: líderes innovación (aquí están 38 rexións), innovación sólida (73 territorios), innovación moderada (98) e innovación modesta (29 rexións). Cada grupo ten tres subgrupos.

Onde fica Galiza? Pois na parte baixa do grupo de innovación moderada. De feito, se en innovación a media da Unión Europea está en 100 o noso país fica en 55,7 puntos, a moita distancia desa media. O norte de Portugal, por certo, está en 92,7

O informe ofrece dados actualizados sobre a evolución deste índice entre 2011 e 2019. A media europea aumentou 4,7 puntos nestes anos. Ese incremento na Galiza foi de case a metade: 2,5. Moi por baixo do rexistrado polo Norte de Portugal (13,8).

A rexión máis innovadora de Europa é Zúrich (Suiza), seguida de Ticino (Suiza). Helsinki Uusimaa (Finlandia) é a máis innovadora da UE. 

Comentarios