luns 25.05.2020

O motor arranca sen o futuro despexado

A industria automobilística galega, un dos motores da economía do país, retorna á actividade nun escenario cheo de incertezas. O ritmo de produción estará condicionado á evolución dun mercado que agarda pola posta en marcha de medidas encamiñadas á renovación do parque móbil.
PSA Toyota
PSA Toyota

A automoción é, xunto co téxtil, un dos motores da economía galega. Xa non só por facturación, senón tamén en materia de emprego e en volume de exportacións. De aí que a súa reactivación, efectiva desde o día de onte, sexa unha das novas máis agardadas.

Esta segunda feira, a principal industria do sector na Galiza, a factoría viguesa do grupo PSA, acollía de novo parte do seu persoal traballador. Foi un regreso gradual, xa que non será até esta cuarta feira, 13 de maio, cando estean en funcionamento todas as liñas e talleres. 

A planta de Balaídos levaba sete semanas parada. Cada día fechada deixou de producir 2.200 vehículos. As traballadoras tiveron que acollerse a un Expediente de Regulación de Temporal de Emprego (ERTE) por forza maior após parar a produción. Coa volta á normalidade esta situación mudará, mais as circunstancias non serán as de antes, xa que a multinacional francesa anunciara que aplicaría outro ERTE, desta vez de carácter ordinario, para adaptar o nivel de produción á evolución dos mercados.

Esta medida afectará máis de 3.400 das 7.400 empregadas da fábrica, o que prexudicará tamén o nivel de produción, posto que se reducirá a velocidade das liñas de montaxe, tal e como se acordou no protocolo de medidas de seguridade ante a COVID-19.

A volta á actividade da factoría viguesa tamén será un balón de osíxeno para as empresas auxiliares de PSA, a maioría tamén avocadas ao ERTE. A súa carga de traballo depende en gran medida do volume de produción da multinacional francesa, de aí que non acollan con tanta alegría a volta ao traballo. Desde a Asociación Europea de Provedores de Automoción (Clepa) estiman unha redución da facturación para este ano de cando menos 20%, o que leva 80% destas empresas a recortar o seu cadro de persoal para facer fronte a esta situación.  

Caída histórica das vendas

Se a produción estivo parada, as vendas moito máis. No mes de marzo, o primeiro no que se puido medir o impacto da crise da COVID-19 nos concesionarios, as vendas diminuíron 64% na Galiza. En abril, con eles xa fechados, o dato de matriculacións foi o peor desde que hai rexistros. Con menos de 70 matriculacións, as vendas caeron 98%.

Agora, os concesionarios terán a misión de darlle saída ao stock. O problema son as limitacións actuais. Por unha parte está o previsíbel aprazamento das decisións de compra por parte da clientela até que a situación económica do país mellore. Por outra banda, a oferta, sobre todo no mercado de ocasión, podería aumentar enormemente, dado que as empresas de renting e as de alugueiro de vehículos teñen boa parte das súas frotas paradas, e non están para asumir máis perdas. A todo isto hai que sumar as restricións á mobilidade que estudan xa en moitas cidades, e as políticas europeas para reducir as emisións do parque móbil, que priorizan a venda de vehículos de baixas ou nulas emisións, que non son precisamente os que se fabrican en Vigo.

Plan de choque 

Ante esta situación, representantes das asociacións de fabricantes de vehículos (Anfac), de compoñentes (Sernauto), de concesionarios (Faconauto) e de vendedores (Ganvam) presentaron un plan de choque con medidas urxentes para a recuperación do sector. Entre elas destaca a creación dun plan de incentivos para a renovación de vehículos con criterios similares en toda Europa e que se dote tanto de recursos estatais como da propia Unión Europea. 

Tamén consideran "crucial" a posta en marcha de toda a cadea de valor cun "relanzamento coordinado" da actividade industrial "con liquidez para as empresas".

A nivel europeo, as entidades que aglutinan as representantes do sector estiman necesario avaliar o impacto do coronavirus na lexislación que afecta á industria automobilística e considerar "flexibilidades temporais" nas regras de competencia comunitarias.

Países como Alemaña xa están a mobilizar recursos para favorecer a retirada dos vehículos máis vellos e dar entrada a outros de combustíbeis alternativos, fundamentalmente híbridos e eléctricos. Nesta liña, o vicepresidente da Comisión Europea para o Pacto Verde, Frans Timmermans, confía en que as axudas á industria automobilística impulsen o sector cara a unha transición verde. Así avoga por que os "plans renove" que deseñen os Gobernos europeos para as súas industrias sexan "ecolóxicos". Para Timmermans a UE só ten unha oportunidade de investimento e non pode "tirar os cartos" en industrias que "non teñen futuro", concluíu.

comentarios