As vendas de coches rexistran en marzo unha caída de 64% na Galiza

No mes de marzo só se matricularon 1.215 vehículos na Galiza como consecuencia do coronavirus.
Dúas mulleres diante dun concesionario (Europa Press)
photo_camera Dúas mulleres diante dun concesionario (Europa Press)

O coronavirus bate con forza no sector da automoción. O pasado mes de marzo, as vendas de vehículos esborralláronse 64,4%, cun total de 1.215 unidades vendidas na Galiza, unhas 2.200 menos en comparación co mesmo mes do ano anterior.

O retroceso rexistrado no país debido ao impacto do estado de alarma é lixeiramente inferior á caída das vendas no conxunto do Estado español, que foi de 69,3% respecto a marzo de 2019, segundo os datos publicados onte polas asociacións de fabricantes (Anfac), concesionarios (Faconauto) e vendedores (Ganvam).

No primeiro trimestre, matriculáronse na Galiza 6.762 vehículos, o que supón un descenso de 31,7% respecto aos datos de 2019.

A Asociación de Construtores Europeos de Automóbiles (ACEA) alertaba recentemente que a industria automobilística europea está diante dunha crise "sen precedentes" provocada pola expansión do virus Covid-19. Aseguran que esta situación pon enxogo 14 millóns de empregos neste sector.

Nun comunicado, ACEA lembra que esta crise sanitaria está a obrigar a pechar ducias de factorías en toda Europa polo colapso da demanda, a carencia de subministración e as medidas adoptadas polos distintos gobernos para evitar o maior contaxio.

Comentarios