Mobilizacións en demanda dunhas pensións dignas

As demandas do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG protagonizaron as concentracións en varias cidades e vilas galegas. Ademais de exixir a derrogación das reformas de 2011 e 2013 pediron condicións dignas nos Servizos de Axuda no Fogar (SAF). 
Concentración de pensionistas da CIG en Compostela (Nós Diario)
photo_camera Concentración de pensionistas da CIG en Compostela (Foto: Nós Diario)

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse hoxe en varias cidades e vilas galegas para reclamar pensións públicas dignas e exixir un sistema público de atención ás persoas que garanta unha vellez digna.

Así mesmo, solicitaron o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e un aumento de prazas públicas nos Centros de Día e Residencias. Este colectivo está pendente dos contidos da anunciada reforma das pensións despois de que se aprobase no Congreso as recomendacións do Pacto de Toledo que, segundo denuncian, "consolida os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013".

A central nacionalista advirte nun comunicado que as pensións galegas seguen sendo as segundas máis baixas do Estado. "Máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706 euros", indica a CIG, que sinala que a situación "empeora" no caso das mulleres, porque a pensión media dun galego é case 300 euros maior que a dunha galega.

Diante destes datos exixen a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e de refórmalas labores que tanto o PSOE como o PP "impuxeron no seu momento". Entenden que é así como se pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións.

Denuncian, daquela, que milleiros de persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida e só 86 concellos galegos contan cun centro de día público. Por iso demandan a posta en marcha dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas.

Servizos de Axuda no Fogar dignos

Outra das cuestións que colocan sobre a mesa é a demanda de Servizos de Axuda no Fogar (SAF) prestados en condicións dignas. Lembran que son competencia da Xunta da Galiza malia que desde hai anos vén derivando nos concellos o seu funcionamento, unha situación que provoca que en cada un deles se oferte o servizo de modo diferente, pero sempre cunhas condicións precarias para as traballadoras.

Por iso defenden a súa inclusión nun único ente público e que rematen o que consideran "miserentas condicións laborais e salariais" das mulleres que desempeñan este traballo de coidados.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios