O ministro Planas gábase do acordo de pesca do Brexit

Planas destaca que a redución de cotas de captura terá "efectos limitados" para a flota galega. 
O ministro de Agricultura, Luis Planas (Foto: Europa Press).
photo_camera O ministro de Agricultura, Luis Planas (Europa Press).

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, sinalou que o acordo alcanzado entre a Unión Europea e Reino Unido é "un bo acordo", que dota de estabilidade e seguridade xurídica ao sector pesqueiro, que poderá continuar co exercicio da súa actividade, en "condicións similares" ás actuais. 

Segundo recolle o ministerio nun comunicado, Planas sinala que as reducións de capturas expostas "terán efectos limitados" para a pesca española, que seguirá contando con cotas "que se axustan ás súas necesidades".

Neste senso, apuntou que quedaron fóra do acordo pesqueiro especies de gran interese para o sector, como os  stocks do sur de xarda, xurelo e lirio, e lográronse beneficios na pescada norte, a principal especie para os buques que faenan na zona. Tampouco existen cesións en especies de augas profundas, como o ollomol, alfonsinos ou sabre negro.

No que se refire ás especies de gran interese para a frota española (pescada, rape e galo), a clave de repartición estabelecida "cobre as necesidades do sector pesqueiro", insiste Planas. 

Para a pescada norte, a especie emblemática que a frota galega pesca no Gran Sol, esta redución é unicamente de 1,02% en 2026, ao pasar dunha cota de captura de 29,5% actual a 28,5% ao chegar ao final do período transitorio de 5 anos e medio.

En galo norte, na zona 7, o axuste para 2026 será de 2,5% ao situarse nunhas posibilidades de pesca de 27,5% fronte a 30% actual, mentres que na zona 6, o descenso situarase en 2,2%.

A baixada, para o peixe sapo norte, en función das zonas de captura, oscila entre 0,24% e 0,76% ao alcanzar o final do período de adaptación de 5 anos e medio

Comentarios