A Xunta ve alarmante que a flota galega poida perder 25% das cotas polo Brexit

O Executivo galego esperará á coñecer polo miúdo o acordo para valorar posíbeis accións
XARDA RINCHA MAR PESCA MIKEL ARRAZOLA
photo_camera XARDA RINCHA MAR PESCA MIKEL ARRAZOLA

A Xunta manifestou a súa "preocupación" ante as informacións publicadas sobre o acordo pesqueiro do Brexit, que ve "alarmante para a frota galega" pola perda de 25% das cotas europeas.

A través dun comunicado o Goberno galego lamenta que "unha vez máis" o sector fose empregado "como moeda de cambio" e avanzou que será "belixerante". "Galiza non se vai a conformar con compensacións por este acordo e será belixerante e contundente para recuperar os dereitos de pesca perdidos no acordo do Brexit", advertiu o Executivo galego.

Con todo, a Xunta matiza que estas consideracións trasládaas "a falta de coñecer información oficial" sobre os termos do acordo por parte do Goberno español, polo que agardará antes de valorar "posibilidades de defensa da cadea mar-industria" da Comunidade galega.

Acordo sumamente negativo

Iso si, a Xunta lamenta que, "segundo a información transcendida" nos medios, o acordo sexa "sumamente negativo" porque "parece que se entregou de forma definitiva á frota británica o 25% das cotas de pesca europea" para "comprar o acceso" ás súas augas durante cinco anos e medio.

A isto hai que engadir as "perdas e dificultades que supón". Por unha banda, a frota que faena no Gran Sol "perde parte dos seus dereitos e posibilidades de pesca directas" e desde 2026 debe "renegociar ano a ano" o seu acceso. Por outra, para os barcos das augas do Cantábrico-Noroeste, as cesións a Reino Unido relacionadas coas especies peláxicas "poñen moito máis difícil" conseguir cotas ampliadas de especies como a xarda, o lirio ou o xurelo.

Así mesmo, a Xunta tamén ve "negativo" que o país británico abandone a Política Pesqueira Común, xa que non sufrirá a aplicación daqueles aspectos "de difícil cumprimento" que o mesmo Estado propugnou para incorporarse, como é a eliminación dos descartes.

Comentarios