Milleiros de persoas unen as súas voces en Ferrol para reclamar "un tren do século XXI" que acabe coa exclusión e o illamento
Unha multitudinaria manifestación en Ferrol fechou filas no mediodía deste domingo ao redor da reivindicación dun servizo ferroviario "digno", ante o que a sociedade civil e as forzas políticas consideran unha "discriminación" das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal nas políticas de modernización do transporte.
A marcha, convocada polo Foro Cidadán Polo Ferrocarril, partiu ás 12 horas desde a estación de tren e culminou na praza de Armas, ante o consistorio. A organización cifra a asistencia en 30.000 persoas, mentres que a Policía Local a rebaixa a 10.000, nunha mostra de unidade cidadá por unha causa que, segundo se leu no manifesto, "interesa absolutamente a todos".
O acto central tivo lugar no balcón do Concello, onde o manifesto foi lido pola produtora e directora cinematográfica Chelo Loureiro e o ex capitán do equipo de baloncesto OAR Ferrol, Miguel Loureiro, en presenza de alcaldes e representantes políticos de diversas formacións.
O texto, que constitúe unha "declaración institucional por un tren do século XXI", comezou lamentando que a cidadanía teña que reclamar o seu dereito a non ser "permanentemente excluídas da modernización do transporte ferroviario ambiental e socialmente sostíbel".
Manifesto
O Foro realizou un diagnóstico da situación actual, sinalando que Ferrol está excluído do Eixo Atlántico Ferroviario de alta velocidade e que a comarca foi "sistematicamente marxinada" nos investimentos ferroviarios importantes da Galiza.
Entre os puntos máis críticos, detallouse a liña Ferrol-A Coruña, xa que o tramo Ferrol-Betanzos Infesta foi construído entre 1909 e 1913, o que supón un trazado de 112 anos de antigüidade. Posúe curvas de radio pequeno, está "sen electrificar" e mantén "travesas de madeira", o que o converte nun trazado "decimonónico" con tempos de viaxe "non competitivos".
Sobre a conexión con Madrid, lembrouse que desde o pasado mes de xuño eliminouse a conexión directa a Madrid, o que illa aínda máis á zona. Mencionouse tamén o problema da liña de Ancho Métrico, a antiga FEVE, entre Ferrol e Ribadeo, que sofre unha "falta de investimento en infraestrutura" e un material rodante "escasamente fiábel, con avarías constantes" e frecuencias escasas, cunha "deterioración paulatina ano tras ano".
Sobre o Corredor Atlántico, lembraron que as conexións portuarias de Ferrol non están integradas no Corredor Atlántico Europeo de Mercadorías, o que lastras o desenvolvemento económico da comarca. "Ferrol é a única das sete cidades galegas sen plan para a chegada da alta velocidade", sentenciou o manifesto.
Pola súa parte, Miguel Loureiro, foi o encargado de pór sobre a mesa unha lista de nove peticións conxuntas á Xunta da Galiza e ao Goberno español, entre as que destaca a necesidade de recuperar servizos perdidos e planificar infraestruturas de futuro, ademais de recuperar a relación directa con Madrid e incrementar as frecuencias entre Ferrol e A Coruña para que sexan competitivas.
Outras demandas
Tamén solicitaron a creación dun servizo de proximidade entre Ferrol e A Coruña, un espazo urbano onde residen máis de 600.000 persoas, así como resolver en 2025 as alegacións ao proxecto de construción do bypass de Betanzos Infesta e iniciar a redacción do proxecto.
Ademais, exixiron asegurar a intermodalidade dos transportes, coa firma do convenio para a estación, e instan á Xunta da Galiza a solicitar o traspaso de competencias dos servizos de viaxeiras por ferrocarril, así como impulsar as actuacións para garantir a chegada efectiva da Alta Velocidade a Ferrol e Lugo.
O foro convocante concluíu que o impacto da exclusión ferroviaria vai máis aló do transporte de viaxeiras e afecta á mobilidade de mercadorías, o desenvolvemento económico e a competitividade dunha comarca que xa sufriu historicamente a "marxinación" nos investimentos.

