Néstor Rego chama o Goberno español a escoitar o "clamor da rúa" e mellorar as comunicacións ferroviarias de Ferrol
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, fixo parte este domingo da multitudinaria manifestación de Ferrol que pedía mellores comunicacións ferroviarias para a cidade e a súa contorna, desde onde instou o Goberno español a "atender o clamor popular" e a cumprir cunha "demanda unánime" da cidadanía.
"Seguimos presionando politicamente para que estes compromisos se fagan realidade, mais temos claro que a mellor maneira de que o Goberno atenda esta reclamación é que vexa o clamor popular que hai na rúa", valorou en declaracións aos medios, minutos antes do arranque da protesta.
Ao mesmo tempo, lembrou iniciativas impulsadas polo BNG a este respecto. Por exemplo, o acordo de investidura recollía a modernización da liña de Ferrol-A Coruña, a construción do bypass de Betanzos Infesta e a modernización da antiga liña de Feve do norte, que conecta Ferrol e Ribadeo.
Deste modo, Rego deu os parabéns á plataforma convocante, o Foro Cidadán do Ferrocarril, e insistiu en que a mobilización popular será a que "faga mover" o Goberno español para que Ferrol teñas unhas comunicacións "á altura do século XXI". "O contrario non é aceptábel", concluíu o nacionalista.