A maior produtora global de carne é denunciada por fraude ambiental

A Xustiza volve pór o albo no xigante brasileiro JBS
A fiscal xeral de Nova York (EUA), Letitia James. (Foto: Byron Smith / TNS / DPA)
photo_camera A fiscal xeral de Nova York (EUA), Letitia James. (Foto: Byron Smith / TNS / DPA)

A fiscal xeral de Nova York (EUA), Letitia James, presentou unha demanda contra JBS USA, a filial estadounidense da maior industria mundial de procesamento de carne, con sede en São Paulo (Brasil), por presuntamente enganar o público sobre o seu impacto ambiental. 

O texto indica que JBS afirmou que lograría cero emisións netas de gases de efecto invernadoiro para 2040, a pesar de que ten plans documentados de aumentar a produción e, en consecuencia, a súa pegada de carbono.

Neste sentido, sinala que, en 2021, o Grupo JBS declarou unhas emisións totais de gases de efecto invernadoiro de máis de 71 millóns de toneladas, o que supera as emisións totais dalgúns Estados. Así mesmo, a fiscal destaca que a compañía realizou un "lavado de imaxe verde" dos danos ambientais e dirixiuse ás usuarias con falsas afirmacións de sostibilidade para aumentar as vendas, polo que a demanda ten a finalidade de que a firma termine con estas prácticas e pague unha sanción.

Esta mesma empresa foi denunciada en marzo de 2017 pola Policía Federal Brasileira por vender carne adulterada na 'Operación Carne Débil', na que se descubriu unha rede de subornos a inspectores agropecuarios do Ministerio de Agricultura do Brasil a cambio de certificar produtos cárnicos non aptos para o consumo humano.

Riscos do libre comercio

O sector primario galego vén advertindo nos últimos meses dos riscos dun acordo de libre comercio con Mercosur, xa que podería xerar problemas no sector, ao permitir a entrada de mercadorías con menos requirimentos ambientais que competirían con prezos á baixa.

Neste sentido, o Brasil é o Estado de fóra da UE de onde chega máis polo importado ao mercado estatal -xunto coa Arxentina e con Chile suma 56% das importacións, e xunto co Uruguai e coa Arxentina suma 44% das de carne de vacún-. Ademais, JBS pretende abrir este ano a fábrica de proteína de carne de vacún cultivada máis grande do mundo en Donostia (Euskadi).

Comentarios