A guerra en Ucraína provoca unha nova escalada do prezo da luz, co cuarto maior prezo da historia

Esta sexta feira o prezo medio será de 340,7 euros/MWh, o cuarto máis caro da historia, logo de rexistrar a terceira maior marca na quinta feira.
Evolución do prezo da luz nas últimas semanas e irrupción da invasión rusa (Infografía: Nós Diario).
photo_camera Evolución do prezo da luz nas últimas semanas e irrupción da invasión rusa (Infografía: Nós Diario).

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista caerá lixeiramente (-0,24%) esta sexta feira a respecto da quinta, aínda que se manterá por riba da cota dos 340 euros por megawatt hora (euros/MWh), rexistrando así o cuarto prezo máis caro da historia, acompañado da alza no prezo do gas natural polo impacto da guerra en Ucraína.

En concreto, o prezo medio do 'pool' para esta sexta feira será de 340,70 euros/MWh, apenas 0,8 euros menos que na quinta, cando alcanzou os 341,52 euros/ MWh, segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta sexta darase entre as 20 e as 21 horas, con 410 euros/ MWh, mentres que o mínimo, de 264,61 euros/MWh, rexistrouse entre as 5 e as 6 horas.

Suba do gas natural

Estes altos niveis no prezo da luz prodúcense por mor da escalada no prezo do gas natural como consecuencia da invasión rusa de Ucraína. Así, os contratos de futuros do gas natural negociados na plataforma holandesa TTF alcanzaron nalgúns momentos desta quinta feira novos máximos, con case 200 euros/MWh.

En comparanza con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para esta sexta feira será 514,64% superior aos 55,43 euros/MWh do 4 de marzo de 2021.

O recibo de febreiro, o dobre que un ano antes

O recibo eléctrico dun usuario medio coa tarifa regulada alcanzou no mes de febreiro os 131,29 euros, 111,5% por riba dos 62,08 euros do mesmo mes do ano pasado.

Segundo datos de Facua-Consumidores en Acción, este incremento interanual foi o máis elevado até a data, superando o 103% que subiu o pasado mes de decembro e, aliás, "o seu prezo bateu todos os récords, situándose en 140,62 euros".

A luz fechou 2021 como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre.

Comentarios