A luz mantense hoxe en niveis mínimos, por baixo de 4 euros/MWh por segundo día consecutivo

Este domingo rexistrouse o prezo máis baixo no que vai de 2024, cunha media para a xornada de 3,06 euros por megawatt hora (MWh), tras anotar un descenso do 56% a respecto do sábado.
Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).
photo_camera A luz chegará a marcar un prezo de 0 euros/MWh no 'pool' eléctrico entre as 15 e as 16 horas de hoxe. (Foto: Nós Diario).

O prezo do mercado maiorista eléctrico, o denominado 'pool', manterase esta segunda feira por baixo dos 4 euros/MWh, concretamente cunha media de 3,82 euros por megawatt e hora (MWh) durante todo o día. Desta forma, a luz ficará no nivel mínimo do que vai de ano por segundo día consecutivo, tras rexistrar 3,06 euros/MWh este domingo.

O prezo máximo será de 11,75 euros/MWh, entre as 20 e 21 horas, mentres que se dará unha hora, entre as 15 e as 16 horas, a cero euros/MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Durante as horas da madrugada, a partir das 2 e até as 5 horas e, pola tarde, entre as 12 e 17 horas, tamén se rexistrarán valores baixos. A 0,1 euros/MWh deuse entre as horas da madrugada e valores entre 0,43 e cero euros/MWh entre as primeiras horas da tarde.

Con todo, este prezo non se traslada logo ao recibo exactamente a eses cero euros, xa que existen uns custos fixos para o consumidor eléctrico, por peaxes, cargos e axustes do sistema.

Este domingo rexistrouse o prezo máis baixo no que vai de 2024, cunha media para a xornada de 3,06 euros por megawatt hora (MWh), tras anotar un descenso do 56% a respecto do sábado. Este importante descenso no mercado da electricidade débese, principalmente, á presenza dunha fronte atlántica que provoca fortes refachos de vento e que, á súa vez, impulsa a presenza das renovábeis —especialmente eólica— no 'mix' de xeración, así como á caída da demanda coa chegada da fin de semana con respecto aos días laborábeis.

O 'pool' non representa exactamente o importe final no prezo da luz para un consumidor acollido á tarifa regulada, xa que coa entrada do 2024 adoptouse un novo método de cálculo do PVPC, que incorpora unha cesta de prezos a medio e longo prazo para evitar as fortes oscilacións, sen perder as referencias de prezos a curto prazo que fomentan o aforro e o consumo eficiente.

En concreto, a proporción de vinculación co prezo do 'pool' irase reducindo progresivamente, para incorporar as referencias dos mercados de futuros, de modo que estes representen o 25% en 2024, o 40% en 2025 e o 55% a partir de 2026.

Comentarios