Lucy Amigo, nova presidenta do Consello Galego de Economistas
O Consello Galego de Economistas representa a máis de 5.000 profesionais do ámbito da economía e a empresa na Galiza, “e actúa como referente técnico da nosa profesión”.
A nova Xunta Directiva do Consello Galego de Economistas, presidida por Lucy Amigo Dobaño, tomou posesión esta terza feira dos seus cargos nun solemne acto institucional realizado no Círculo de Empresarios da Galiza, en Vigo.
A decana do Colexio de Economistas de Pontevedra xurou o seu cargo como presidenta do Consello Galego de Economistas, do mesmo xeito que outros cargos da súa Xunta Directiva, Carmen Sampayo (Ourense) como vicepresidenta primeira, Salustiano Velo (Lugo) como vicepresidente segundo, o vicesecretario Andrés Manuel Caso e Julio Vila como tesoureiro.
O acto contou cunha ampla representación institucional, coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Blanco, alén da secretaria xeral do Consello Xeral de Economistas do Estado español, Ana Moreno, que foi a encargada de abrir o evento; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o presidente da Confederación de Empresarios da Galiza, Juan M. Vieites, entre outras autoridades.
Na súa intervención tras xurar o cargo, a presidenta do Consello Galego de Economistas Lucy Amigo, tivo palabras de agradecemento para o seu antecesor no cargo, Miguel Ángel Vázquez Taín, “que agora preside o Colexio Xeral de Economistas e é un orgullo para nós”, e para Roberto Pereira, fundador e presidente do Consello desde a súa creación en 2008.
O Consello Galego de Economistas representa a máis de 5.000 profesionais do ámbito da economía e a empresa na Galiza, “e actúa como referente técnico da nosa profesión”, con obxectivos esenciais, segundo a súa presidenta, “de formación permanente de calidade dos profesionais colexiados, especializada, nun contexto cambiante e dinámico”, e o fortalecemento institucional da corporación, “reforzando o seu papel como interlocutor cualificado ante as administracións e a sociedade”.
Lucy Amigo fixo unha chamada a situar ao Consello no centro, porque “a voz dos economistas debe ser escoitada nos procesos de deseño de políticas públicas, especialmente en ámbitos como a fiscalidade, a eficiencia do gasto público ou a competitividade empresarial”. “Cando Galiza e España mostran resultados macroeconómicos razoabelmente positivos na súa contorna, queda de novo en evidencia a vulnerabilidade da economía nun mundo global, e neste escenario, o papel do economista adquire unha relevancia singular”, afirmou.
Aliás, incidiu que accede á presidencia do Consello “con vontade de traballar con todos e para todos, desde un proxecto colectivo que debe construírse desde a participación, o consenso e o respecto á diversidade de enfoques que enriquecen a nosa profesión”.

