Gráficos

A inflación, en cifras: Galiza segue por riba da media e estes son os produtos que máis encarecen

O aceite de oliva acumula no conxunto do Estado unha repunta de até 200,4% desde xaneiro de 2021, o que significa que o seu custo chegou a triplicarse nos últimos tres anos.
Taxa interanual do IPC xeral por comunidades autónomas en marzo de 2024. (Fonte: INE)
photo_camera Taxa interanual do IPC xeral por comunidades autónomas en marzo de 2024. (Fonte: INE)

Galiza encadea xa oito meses consecutivos cunha inflación maior á que rexistra, de media, o Estado español. Ao remate do pasado mes de marzo a taxa interanual do IPC xeral subiu tres décimas no país a respecto de febreiro e ascendeu até 3,5%, mentres a nivel estatal, se ben repuntou catro décimas, unha máis, fica aínda por baixo do dato galego: 3,2%.

 

Estremadura (3,6%) superou en marzo á Galiza —que empata con Canarias—, mentres no extremo oposto da táboa fican A Rioxa (3%) e Melilla (2,7%). Con base nos datos definitivos publicados esta sexta feira polo INE, o incremento xeral do IPC no Estado débese en boa medida ao encarecemento da electricidade pola suba do IVE da luz, dos carburantes e dos paquetes turísticos, cuxos prezos medraron coincidindo coa Semana Santa.

 

O capítulo que máis subiu na Galiza en marzo pasado —comparando cos prezos do mesmo mes de 2023— foi o de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis, que se incrementou case catro puntos para volver a rexistros positivos (+2,1%), logo de anotar un febreiro un -2,6%. Pola contra, o que máis descendeu foi o de bebidas alcólicas e tabaco, pasando do 3,8% de febreiro a un 2,5%.

 

Desde o Ministerio de Economía destacan a "moderación" do prezo dos alimentos, cuxa taxa se reduciu máis de 12 puntos no último ano a nivel estatal e tamén no caso da Galiza, onde fica en 4,9% após anotar un 16,6% en marzo de 2023. "Os datos da inflación seguen reflectindo a capacidade da economía española de compatibilizar o maior crecemento económico entre os principais países da zona euro cunha moderación dos prezos e o mantemento de apoio aos máis vulnerábeis. Segue mellorando o poder adquisitivo das familias e a competitividade das empresas españolas", salientan.

Pola súa parte, a inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos— baixou dúas décimas en marzo no conxunto do Estado, até 3,3%, taxa unha décima superior á do IPC xeral e a máis baixa desde febreiro de 2022. A diferenza entre a subxacente e a inflación xeral, dunha décima, é a menor desde novembro de 2022.

Aliás, na taxa interanual, o que máis subiu de prezo a nivel estatal —o INE non ofrece o dato concreto para Galiza destes subgrupos— foi o aceite de oliva (+70%), que acumula unha repunta de até 200,4% desde xaneiro de 2021, o que significa que o seu custo chegou a triplicarse nos últimos tres anos.

En marzo destacaron tamén as subas interanuais de prezos do transporte marítimo de pasaxeiros (+23,8%), os paquetes turísticos nacionais (+23,4%), os zumes de froitas e vexetais (+16,9%) e as cotas de subscricións a canles de televisión (+16,8%). Pola contra, o que máis se abaratou no terceiro mes do ano en relación a marzo de 2023 foron os outros aceites (-22,4%), o gas natural (-20,2%), os equipos de telefonía móbil (-10,6%), os legumes e hortalizas (-9,2%) e os computadores persoais (-8%).

Comentarios