O IPC baixa tres décimas no Estado en novembro polo abaratamento dos carburantes e sitúase en 3,2 %

A taxa de variación anual estimada da inflación subxacente, o índice sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, baixou até 4,5 %.

O prezo medio da gasolina subiu 40% nun ano. (Foto: Nós Diario)
photo_camera (Foto: Nós Diario)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) no Estado baixou 0,4% en novembro en relación ao mes anterior e recortou tres décimas a súa taxa interanual, até 3,2%, debido ao abaratamento dos carburantes e os paquetes turísticos e a unha suba dos prezos dos alimentos menos pronunciada que a experimentada un ano antes.

Por contra, os prezos da electricidade baixaron menos do que o fixeron en novembro de 2022, segundo os datos avanzados publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Coa moderación da súa taxa interanual en novembro, a inflación volve rexistrar descensos despois de permanecer ancorada en 3,5% durante os últimos dous meses e cae ao seu menor nivel desde o pasado mes de agosto, cando se situou en 2,6%.

"O dato adiantado do IPC de novembro é unha moi boa noticia. A inflación xeral baixa tres décimas até 3,2%, axudada pola electricidade, os carburantes e tamén os alimentos", destacou a vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Comercio e Empresa, Nadia Calviño.

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en novembro baixou sete décimas, até 4,5%, taxa 1,3 puntos superior á do IPC xeral e a máis baixa desde abril de 2022, cando se situou en 4,4%.

En termos mensuais (novembro sobre outubro), o IPC rexistrou un descenso de 0,4%, tras cinco meses consecutivos de alzas mensuais.

No décimo mes de 2023, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCA) situou a súa taxa interanual en 3,2%, tres décimas por baixo da taxa rexistrada o mes anterior.

Pola súa banda, a variación mensual estimada do IPCA foi do -0,6%. O INE publicará os datos definitivos do IPC de novembro o próximo 14 de decembro.

Comentarios