O DOG publica o novo modelo de solicitude para as instalacións de renovábeis ser "iniciativa prioritaria"

Parque eólico na serra do Candán. (Foto: Arxina)
Na redacción do Diario Oficial da Galiza figura que A Xunta reduce a dez anos o tempo que os ingresos dun parque eólico deben repercutir nos concellos para ser "iniciativa prioritaria". Mais a propia Consellaría de Economía recoñece que iso débese a un erro de redacción, que procederá a ser correxido.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta cuarta feira o modelo de solicitude normalizado para que proxectos empresariais como as instalacións de enerxías renovábeis poidan optar a ser iniciativas empresariais prioritarias, condición que outorga o Consello da Xunta.

Esta resolución da Consellería de Economía realízase en virtude do disposto na Lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta de 2023, que estende a figura da iniciativa empresarial prioritaria a todos os proxectos eólicos, con independencia da competencia —estatal ou da Galiza— na súa tramitación, sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente.

Así, poderán presentar solicitude as empresas promotoras de proxectos que cumpran dous dos seguintes requisitos: que teñan un investimento mínimo en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, dun millón de euros; que supoñan a creación de 25 empregos —indefinidos e a xornada completa, non sendo de aplicación para os proxectos de produción de enerxía eólica—; instrumentos de mobilización de terras agrarias e forestais; que complemente cadeas de valor de sectores estratéxicos, ou que se integren no financiamento dos fondos europeos Next Generation.

Para o caso dos proxectos de produción de electricidade obtida da enerxía eólica que non estean asociados ao autoconsumo industrial, atópanse estes requisitos: un compromiso industrial asociado á implantación do proxecto eólico que supoña a creación ou consolidación dun mínimo de 25 postos de traballo directos na Galiza; un investimento superior a 20 millóns de euros; que subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo a prezo competitivo cunha empresa con actividade industrial en territorio galego garantindo cando menos 50% da súa produción de enerxía, e que haxa un compromiso de reverter 2,5% da facturación anual do parque nos concellos nos que se instalen durante dez anos desde a autorización da explotación.

Porén, este último punto, que mudaba de forma significativa o disposto inicialmente na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2022, corresponde a un erro de redacción, segundo informa a propia Consellaría de Economía.Así pois, mantense que os beneficios obtidos pola venda de enerxía do parque eólico debe repercutir nos concellos afectados "durante a vida útil do parque desde a autorización da explotación",.

Aliás, no formulario de solicitude débense incluír outros datos, tales como a descrición do proxecto, as posíbeis afeccións ambientais e un cronograma. Este é un procedemento administrativo de prazo aberto para presentar solicitudes.

Perto de 2.500 MW autorizados recentemente

A Xunta da Galiza autorizou nos últimos tres meses 1.826 megawatts. A rapidez do Goberno galego na tramitación desta potencia eólica estivo condicionada pola decisión do Executivo do Estado de anular os dereitos de acceso e conexión á rede eléctrica daquelas instalacións de xeración de enerxía que non contaran con Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel con anterioridade ao 25 de xaneiro.

Na mesma liña, o Goberno español avaliou máis dun milleiro de megawatts na Galiza, dos que se aprobaron 656 —unha cuarta parte dos 2.897 megawatts con luz verde no conxunto do Estado español—, correspondentes a sete parques eólicos, cinco deles para Alcoa e outros dous para Showa Denko.

Un proxecto de 78 megawatts foi rexeitado, mentres que catro proxectos que sumaban 279 megawatts foron arquivados. Só a comunidade de Castela e León tivo máis megawatts avaliados neste trámite, con 1.604.