A inflación encarece até 121% actuacións en saneamento e até 150% a súa factura eléctrica

A tardanza do Executivo galego en levar a cabo a mellora do funcionamento da depuradora de Noia supuxo un aumento do custo de 121% sobre as estimacións que o Plan director de saneamento desta localidade facía en 2021. A inflación, unha das principais causas deste aumento do prezo de licitación, tamén afecta o custo de mantemento do funcionamento do saneamento polo seu alto consumo eléctrico, con subas de até 150%, unha cuestión que preocupa ás Administracións municipais, que temen ter que aumentar o seu investimento para facer funcionar a xestión das augas residuais.
As carencias de saneamento de Noia fixéronse notar onte na fachada marítima do municipio (Foto: Nós Diario).
photo_camera As carencias de saneamento de Noia fixéronse notar onte na fachada marítima do municipio (Foto: Nós Diario).

O Consello da Xunta da Galiza autorizou esta cuarta feira un investimento de 2.925.000 euros para desenvolver obras de mellora na actual Estación de Depuración de Augas Residuais (EDAR) da localidade de Noia, unha contía que será fraccionada entre as dúas vindeiras anualidades. 

Porén, o propio Plan director de saneamento de Noia, ao que tivo acceso Nós Diario, desenvolto por Eptisa a encargo de Augas da Galiza (entidade dependente da Xunta) e rematado no primeiro semestre de 2021, estabelecía un custo estimado 1.325.000 euros para desenvolver a actuación. 

A tardanza da Xunta en desenvolver actuacións nunha materia que é considerada chave nesta comarca pola importancia da extracción de berberecho e ameixa, da que dependen máis de 1.600 empregos directos na confraría noiesa, derivou nun incremento de valoración das obras da EDAR de 121%, causado principalmente polo aumento da inflación no último ano.

O gasto de enerxía na xestión das EDAR 

A alza nos custos das EDAR non só se está a notar á hora de realizar obras de reparación ou construción, senón tamén no seu funcionamento, xa que o aumento dos prezos da enerxía afecta ao mantemento da xestión das augas residuais, pois as depuradoras son unhas das infraestruturas máis custosas para as Administracións municipais.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños (BNG), explica a Nós Diario que no seu municipio "é a concesionaria quen asume o gasto derivado da electricidade da EDAR e traslada que o aumento dos custos enerxéticos chega a ser de 150%". 

Muíños amosa preocupación polo gasto futuro, "a Xunta estanos entregando dúas instalacións novas para esta función, un tanque de tormentas de gran consumo e unha nova depuradora tres veces máis potente da que tiñamos", explica o alcalde rianxeiro. "A xestión destas instalacións vai terse que sacar dentro dun novo contrato que seguramente supoña un gasto moito maior ao actual", sinala.

No caso doutro dos concellos da comarca do Barbanza, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz (PP), afirma a este xornal que a empresa concesionaria da xestión das augas residuais neste municipio, ante o aumento de custos motivado polo prezo da enerxía, "optou pola colocación de paneis solares para abaratar a factura", explica Ruíz. 

"Hoxe non notamos unha suba por ter o servizo concedido a unha empresa, mais evidentemente ese incremento existe, aínda temos anos de marxe, mais cando teñamos que asinar un novo contrato parece que teremos que asumir unha alza no prezo", afirma o rexedor.

Un investimento "tardío e insuficiente" en Noia

A deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, sobre a actuación da Xunta na mellora da EDAR de Noia, sinala a Nós Diario que "aínda que positivo, trátase dun investimento tardío e insuficiente". 

"O BNG xa propuxo que se realizasen estas obras en 2021, e tamén incluímos unha emenda nos orzamentos da Xunta para que se tivera consignado nas contas de 2022, cando a licitación tería suposto unha contía menor", explica a deputada.

Ademais, sinala a nacionalista, "nós apostamos pola consignación da totalidade dos fondos da obra nos orzamentos de 2023, para poder continuar nas anualidades posteriores coas necesarias actuacións para resolver as importantes eivas do sistema de saneamento noiés".

O Plan director de saneamento de Noia sinala que a rede conta até con 65 puntos de verteduras ao medio. "As redes que non conectadas á rede xeral supoñen a vertedura directa do equivalente a 4.100 habitantes -dun total de 4.240-, ademais de xerarse a vertedura directa da totalidade do polígono industrial de Augalevada", explícase no plan.

Ademais, afirma, "a porcentaxe xestionada -pola rede de saneamento- sobre o volume mobilizado na situación actual, non chega nin a 50% do total, 42,17% exactamente". "Se ben coa posta en marcha das estacións de bombeo en 2013 se produce un incremento do volume xestionado pola EDAR alcanzando o seu máximo en 2016", a partir dese momento -que coincide coa entrada do novo Goberno municipal (PP)-, "as deficiencias no mantemento cando non o abandono das novas infraestruturas de bombeo, xeraron unha involución nos datos de volume tratado que , de seguir a tendencia actual, terminarán por reproducir a situación precedente á execución das novas estacións de bombeo do sistema de saneamento", asevera.

O documento encargado por Augas da Galiza sobre o funcionamento do saneamento noiesa prevé, antes do aumento de custo derivado da crise inflacionista, que as diversas actuacións sobre as diferentes infraestruturas da rede para chegar a unha situación óptima na xestión das augas residuais requiriría o investimento de 11.200.000 euros. Sumado ao incremento da alza dos custos, que previsibelmente aumentaría de forma considerábel esta cifra, polo que o investimento proposto pola Xunta fica lonxe de solucionar o problema do saneamento.

Comentarios