A inflación da eurozona ascende até 10,7% en outubro e estabelece un novo máximo histórico

O BCE aprobou a pasada semana unha suba de 0,75 puntos dos tipos de xuro.
A presidenta do BCE, Christine Lagarde. (Foto: Europa Press)
photo_camera A presidenta do BCE, Christine Lagarde. (Foto: Europa Press)

As primeiras estimacións da taxa de inflación interanual da eurozona mostran que esta ascendeu até 10,7% no mes de outubro, o que marca un novo máximo histórico e supón un incremento de oito décimas porcentuais en relación ao dato de setembro.

Este dato provisional, publicado por Eurostat, chega despois de que a semana pasada o Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) anunciase un aumento de 0,75 puntos dos tipos de xuro co obxectivo de frear a inflación.

Esta medida situou os tipos perto de 2%, o seu nivel máis elevado desde comezos de 2009. Neste sentido, é o terceiro incremento consecutivo que impulsa o BCE, tras o aumento de 0,5 puntos e xullo e 0,75 puntos en setembro.

Alza dos prezos da enerxía

Nos últimos 30 días observouse unha suba xeneralizada dos prezos na eurozona, cunha aceleración da alza dos prezos da enerxía, que creceron 41,9% no décimo mes do ano, fronte a 40,7% interanual de setembro.

Así mesmo, os alimentos frescos encarecéronse en outubro 15,4%, fronte a 12,7% do mes anterior. Os servizos rexistraron unha inflación de 4,4%, unha décima máis, e os bens industriais non enerxéticos subiron 6%, medio punto porcentual máis que en setembro.

Ao excluír do cálculo o impacto da enerxía, a taxa de inflación da zona euro situouse en outubro en 6,9%, fronte a 6,4% do mes anterior. En canto á taxa de inflación subxacente, alcanzou un récord de 5%, dúas décimas máis que en setembro.

Entre os dezanove países da eurozona, once rexistraron subas de prezos interanuais iguais ou superiores a 10%. As maiores taxas de inflación observáronse en Estonia (22,4%), Lituania (22%) e Letonia (21,8%), mentres que as de menor crecemento corresponderon a Francia (7,1%), Estado español (7,3%) e Malta (7,5%).

Comentarios