Cando o de Ferrovial pasa na Galiza: tres empresas marchan cada semana da Galiza para outra autonomía

En 2022 mudaron a súa sede social a outro territorio 158 sociedades que estaban na Galiza, 70 delas a Madrid.

Case a metade das empresas que trasladan fóra o seu domicilio social desde a Galiza escollen Madrid como nova sede (Foto: M. Arrazola).
photo_camera Case a metade das empresas que trasladan fóra o seu domicilio social desde a Galiza escollen Madrid como nova sede. (Foto: M. Arrazola)

Ferrovial decidiu esta semana trasladar a súa sede social do Estado español aos Países Baixos, unha decisión que xerou malestar no ámbito político e mediático por entender que esa marcha “prexudica España”. Mais o paso dado por Ferrovial non é algo estraño nin inédito, de feito cada ano hai miles de empresas que cambian o seu domicilio social, un movemento que tamén se dá na Galiza sen que isto semelle producir inquedanza en Goberno ou círculos empresariais.

Segundo o Informe D&B, publicado en febreiro, en 2022 marcharon da Galiza para ter a súa sede social noutro territorio do Estado un total de 158 empresas, o que supón que cada semana tres sociedades decidiron mudar a súa sede a outra comunidade.

Quen foi a comunidade beneficiaria desta marcha de empresas da Galiza? Madrid, onde foron recalar 70 desas 158 sociedades, o que supón 44% do total. A moita distancia séguelle Catalunya (aí foron 17) e Castela e León (13 empresas).

En 2022 optaron por facer o camiño inverso, instalara a súa sede social na Galiza desde outro territorio 163 sociedades, cinco máis das que marcharon. Iso si, o saldo é negativo para a Galiza en canto a facturación, pois a fenda entre o volume de negocio das empresas que marcharon da Galiza e das que viñeron é de -429 millóns de euros.

­De feito, a Galiza é o cuarto territorio que peor resultado presentou en 2022 en canto a saldo negativo entre a facturación das sociedades que chegan e as que marchan.

Madrid

Ao longo de 2022, Madrid absorbeu perto de 1.800 empresas doutros territorios do Estado. Nese ano, por volta de 5.000 sociedades cambiaron de sede social dentro do Estado; polo que a capital do Estado español absorbeu unha de cada tres.

Un total de 4.165 empresas con actividade na Galiza pagan os seus impostos en Madrid. Segundo as cifras que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE) relativas a 2020, último ano con datos, 3.483 desenvolven a súa actividade nos servizos; 357 na industria extractiva e na enerxía, dedicándose 339 á xeración eléctrica; 262 na industria manufactureira; 289 na construción, con particular presenza das enxeñarías e empresas de obra civil; 208 na hostalaría e 170 no sector das finanzas e seguros.

Comentarios