Increméntanse as voces críticas contra Altri: a CIG e Unións Agrarias tamén anuncian alegacións

A CIG explicou esta terza feira que, alén das consecuencias ambientais e de que non feche o ciclo produtivo na Galiza, o proxecto que Altri quere desenvolver na Ulloa reduce a proporción entre a produción total e o emprego directo con respecto á súa factoría en Portugal. Pola súa parte, CCOO admitiu diverxencias sobre a pasteira.
Celbi é unha fábrica de fibras de celulosa a partir de eucalipto pertencente a Altri e que se sitúa na localidade de Figueira de Foz, en Portugal (Foto: Altri).
photo_camera Celbi é unha fábrica de fibras de celulosa a partir de eucalipto pertencente a Altri e que se sitúa na localidade de Figueira de Foz, en Portugal (Foto: Altri).

As alegacións presentadas contra o proxecto de Altri en Palas de Rei (A Ulloa), a través da sociedade Greenfiber S.L., e o rexeitamento á celulosa que pretende desenvolver a multinacional lusa non deixan de medrar. Neste sentido, a CIG anunciou esta terza feira a presentación dos seus recursos contra a instalación da fábrica. A central sindical sumouse, ademais, ás alegacións formuladas pola Plataforma Ulloa Viva e pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.

Así, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, esgrimiu esta terza feira o rexeitamento do sindicato nacionalista ao "modelo de industria de enclave -recoñecido pola propia empresa- que representa o proxecto". Un modelo, dixo, "depredador dos nosos recursos naturais, nomeadamente da auga e da madeira, con grave impacto ambiental, social e económico". 

Carril rexeitou tamén que a planta se declare de utilidade pública e que sexa considerada, pola Xunta da Galiza, como proxecto industrial estratéxico. "Altri pretende instalar a dous quilómetros do Camiño de Santiago, na comarca da Ulloa, dúas factorías, unha de celulosa solúbel e outra de fibra téxtil, que requirirán grandes cantidades de auga, enerxía e eucaliptos", resumiu o secretario xeral da CIG, quen salientou que "afectarán gravemente o patrimonio cultural e natural da comarca da Ulloa e das limítrofes, Terra de Melide, Arzúa, e o Deza". Ademais, "terán impacto sobre a atmosfera e as augas, comprometendo aínda máis a viabilidade ecolóxica do río Ulla e da ría de Arousa, a máis rica do país".

Eucalipto fronte a superficie agraria

"Todo isto preténdese facer nun contexto de desaparición na Galiza de superficie agraria útil, constatado polas universidades galegas, en favor de máis territorio dedicado á actividade forestal ligada ao eucalipto", advertiu Carril. "Estamos ante un proxecto contrario a un monte galego con futuro que debería asentarse, entre outros piares, nuns aproveitamentos forestais que realmente aposten pola creación de emprego digno, na sostibilidade económica e social e na compatibilidade con outras actividades agrarias", engadiu.

Por estes motivos, o sindicato considera “inaceptábel” o financiamento público, especialmente ao tratarse de fondos europeos, "que implican endebedamento público". Fronte a isto, a organización reclamou "que se teñan en conta varios apartados -propostos pola CIG- do recente informe do Consello Económico e Social (CES) incluídos no trámite do Anteproxecto de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais da Galiza".

Uns apartados do informe nos que se recolle que os proxectos industriais teñen que levar aparellado o fechamento dos ciclos produtivos na Galiza, "incrementando o valor engadido en sectores básicos na nosa economía". "Non só deben respectar o ambiente e a idiosincrasia dos lugares onde se asenten, senón tamén garantir o saldo de emprego neto e o retorno económico e social e protexer as terras e lugares dedicados ao abastecemento de alimentos, priorizando a soberanía alimentaria sobre os intereses industriais", engade.

O emprego que crearía a planta sería moi inferior ao creado en portugal, segundo a CIG

Nas súas alegacións, a CIG salienta a contradición sobre o número de postos de traballo que constan no expediente en exposición pública que serán creados, que se reducen a 500 "segundo Altri estivo dicindo nos actos públicos que organizou semanas atrás". A central sindical lembrou que a firma lusa "emprega 774 persoas nunha fábrica de Portugal cunha produción de 1,5 millóns de toneladas de pasta". "Facendo a proporción e atendendo á actual automatización dos procesos produtivos, é fácil concluír que a cifra de emprego directo [na Galiza] é moi inferior", explica a CIG, que tamén cuestiona nas súas alegacións "os supostos postos de traballo indirectos cando a transformación da madeira, desde a súa corta no monte, non se vai dar en serradoiros, senón na propia factoría".

A CIG lembra que "non se coñece que asociado a este proxecto se contemple ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e téxtil, que promova o feche dos ciclos produtivos na Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía". Unha circunstancia que leva a organización a concluír que "estamos ante unha industria de enclave, unha pasteira de grandes dimensións que vai levar a outros países a transformación e que pon en perigo importantes sectores produtivos como o agrario, o gandeiro, o do mar e o sector turístico e cultural ligado ao Camiño de Santiago".

As organizacións agrarias alertan dun "gran perigo"

O proxecto "non é o que a empresa e a xunta nos presentaran", advirte UUAA

As críticas ao plan de Altri en Palas de Rei tamén chegaron esta terza feira desde as organizacións agrarias. Así, Unións Agrarias (UUAA) mostrou onte o seu rexeitamento ao proxecto de Altri para instalar unha fábrica de celulosa e de fibras téxtiles que "non é o que a empresa e a Xunta presentaron inicialmente", polo que anunciou que tamén presentará alegacións. O secretario de coordinación sectorial de UUAA, Félix Porto, asegurou que o sindicato non pode apoiar este proxecto "tal e como está".

"Non saímos dicindo 'non' aos eólicos de maneira xenérica, porque nos parece unha barbaridade; non dicimos que non se poidan plantar eucaliptos e non dixemos de inicio 'non' a Altri porque no proxecto que nos presentaron había partes atractivas, mais tal e como está hoxe, non podemos apoialo", aseverou.

Ademais, a Federación Rural Galega (Fruga) alertou de que o proxecto "supón un gran perigo para a actividade agropecuaria da zona, non só para a comarca da Ulloa, senón tamén para as comarcas de Arzúa, Terra de Melide e O Deza". Catro comarcas que contan, lembrou o sindicato, "con 4.087 explotacións pecuarias (18,6% do total das existentes na Galiza) e 90.187 cabezas de gando vacún (21% da totalidade)".

Fruga alerta da ameaza que representa a planta ao potencial produtivo galego

“Todo este potencial produtivo vaise ver ameazado no caso de que ao final acabe instalándose esta macroplanta de celulosa no concello de Palas de Rei, así como a DO queixo Arzúa-Ulloa, con máis de 20 empresas transformadoras e a segunda en produción de queixo de todo o Estado”, afirmou a organización.

Os efectos que tería esta instalación, engadiu o sindicato agrario, terían impacto "sobre todo o sector agropecuario galego polo efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia coa terra agraria para actividades agropecuarias". 

"Non debemos esquecer que a superficie agraria media por explotación na Galiza é de 7,93 hectáreas, cando a media estatal é de 26,14 hectáreas, e que desde hai xa bastantes anos Galiza vén perdendo terra agraria, mentres a superficie forestal vén aumentado e dentro dela a dedicada ao eucalipto”, concluíu a Fruga.

Debate no seo de CCOO

CCOO intentará resolver as súas diverxencias sobre a fábrica o 11 de abril

A federación de Industria de CCOO na Galiza tomou o pasado 25 de marzo postura a favor dos plans da multinacional lusa na Galiza. Porén, unha semana despois, a Comisión Executiva convocou o próximo 11 de abril o Comité de Dirección Nacional, integrado polas responsábeis das federacións e das unións comarcais e intercomarcais, "co obxecto de planificar a postura e a folla de ruta da organización en relación co proxecto industrial estratéxico de Altri".

Fontes de CCOO confirmaron a Nós Diario que no seo do sindicato existen diverxencias a respecto do proxecto de Altri. Hai opinións diferentes dentro da organización, unhas a favor e outras en contra, polo que o motivo de incluír este punto nunha xuntanza do Comité de Dirección Nacional é intentar fixar unha posición ao respecto, destacaron as fontes sinaladas.

Despois do comunicado por parte da Federación de Industria de CCOO na Galiza, a central sindical quere evitar que xurdan máis opinións en relación ao proxecto de Altri desde dentro da organización sen que haxa antes unha posición común previamente acordada pola Dirección do sindicato, segundo as fontes consultadas.

O BNG e Adega afondan no impacto que suporía Altri

O BNG e a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) realizaron esta terza feira unha charla informativa sobre o proxecto de planta de celulosa que a multinacional portuguesa Altri planea instalar no concello de Palas de Rei.

A viceportavoz do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, animou á veciñanza "a presentar alegacións ao proxecto mentres continúe o prazo aberto para manifestar o seu rexeitamento, xa que terá un impacto negativo sobre a actividade económica e no emprego nas zonas afectadas". Pola súa parte, Ana Fernández, membro de Adega e especialista no ciclo da auga, afondou nas implicacións dos plans de Altri para a comarca da Ulloa e o resto da Galiza.

Sumar e Podemos rexeitan o proxecto

O portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos, acompañado de Verónica Martínez e Manuel Lago, deputados no Congreso estatal, así como da ex candidata da formación á Presidencia da Xunta da Galiza, Marta Lois, mantivo esta terza feira unha reunión con representantes da Plataforma Ulloa Viva a respecto do proxecto que Altri quere desenvolver. 

Carlos manifestou a "profunda preocupación" de Sumar Galicia polo proxecto de celulosa e de fibras téxtiles da firma portuguesa, posto que, segundo defendeu, "non representa un desenvolvemento económico sostíbel e pode ir contra xeracións futuras".

Ademais, Podemos Galicia tamén informou esta terza feira de que leva semanas en contacto coa Plataforma Ulloa Viva para coordinar accións que "poñan fin ao proxecto de instalación da macroplanta celulosa de Altri en Palas de Rei". "Reclamaremos onde sexa necesario para deter este atentado natural", sinalou a portavoz da formación, Isabel Faraldo.

Comentarios