Hotusa impulsa o Foro da Toxa após recibir 241 millóns

Autoridades na inauguración do Foro da Toxa (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
A firma do empresario chantadino Amancio López Seijas vén de obter financiación do fondo de rescate do Goberno español por valor de 241 millóns de euros.

O Foro de La Toja, co topónimo da illa da Toxa (O Grove) deturpado, deu comezo á súa segunda edición, que se desenvolve entre os días 29 de setembro e 1 de outubro e á que está previsto que asistan numerosos persoeiros dos ámbitos da política e a economía. 

Hotusa, a firma hoteleira do empresario chantadino Amancio López, líder do sector na Galiza, é a impulsora deste evento, no que están citados, entre outros, os ex presidentes do Goberno español Mariano Raxoi e Felipe González, a vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño; o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares; o exministro de Asuntos Exteriores de Israel  Shlomo Ben  Ami; o  excomisario europeo Miguel Arias  Cañete, e empresarios como o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán; o de Abanca, Juan Carlos Escotet, ou o CEO de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera.

A dixitalización, o emprego e o cambio climático serán algúns dos temas que abordarán as persoas asistentes a estas xornadas. Todo nunha cita "consolidada" que, como apuntan desde a organización, defende os valores atlánticos, baseados en cuestións como o libre mercado e a democracia representativa, que o seu presidente, o ex ministro Josep Piqué, contrapón co que sucede en países como Afganistán e cos riscos dos populismos.

A firma hoteleira celebra este certame, no que os contactos entre empresas e políticos están á orde do día, após recibir luz verde para a concesión dun préstamo participativo por impor de 190 millóns de euros por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e outro ordinario de 51 millóns de euros, ambos os dous con cargo ao Fondo de Apio á Solvencia de Empresas Estratéxicas creado polo Goberno español para rescatar empresas sistémicas golpeadas pola crise da Covid. 

Na tramitación do expediente a SEPI tivo en conta o "carácter estratéxico" do grupo hostaleiro dentro do sector turístico, xa que está presente en 17 países con 219 estabelecementos, 67% no Estado español, e 4.085 empregadas en decembro de 2019. 

Porén, a crise ocasionada pola Covid impactou nas contas do grupo, que por primeira vez nos seus máis de 40 anos de historia fechou o pasado exercicio sen declarar beneficios.