A segunda vaga da Covid-19 vén acompañada dos primeiros vencementos da liña ICO

As empresas que solicitaron préstamos avalados polo ICO ou moratorias aos seus préstamos hipotecarios teñen que empezar a facer fronte aos vencementos destes produtos nun contexto marcado por un aumento da incidencia do coronavirus e das medidas restritivas para evitar a súa propagación.
Sede do Instituto de Crédito Oficial (Foto: ICO)
photo_camera Sede do Instituto de Crédito Oficial (Foto: ICO)

A segunda vaga da Covid-19 non trae boas novas para as empresas, en especial para as pemes. As novas restricións e a mala campaña estival fixeron que moitos negocios quedaran sen os ingresos suficientes para afrontar os gastos ordinarios. Os préstamos avalados polo Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as moratorias nos préstamos hipotecarios, que no seu día permitiron a moitas de estas empresas mellorar a súa liquidez, tornan agora nunha nova complicación. 

O período de carencia destas operacións prolóngase até a primavera de 2021, mais non en todos os casos, xa que tamén as hai que teñen que empezar a responder dos vencementos transcorridos seis meses. 

Así pois, algunhas das empresas que están nunha situación complicada, especialmente aquelas que dependen de sectores como a hostalaría e o turismo, vense agora cunha nova carga financeira que engade, se cabe, máis risco á súa xa delicada situación económica.

A secretaria de Estado de Economía e Apoio á Empresa, Ana de la Cueva, afirma que o Executivo español é consciente de que hai autónomos e empresas que necesitan máis tempo para facer fronte aos seus compromisos financeiros. Neste senso, indicou que o Goberno estatal revisará o marco temporal das axudas públicas para apoiar as empresas solventes e viábeis pero que aínda teñen problemas de liquidez.

"Estamos a analizar cos supervisores e co sector o modo de  canalizar da mellor maneira posíbel os instrumentos de apoio durante os próximos meses para evitar que se produza unha situación de inestabilidade", dixo De la Cueva, quen lembrou que, segundo os últimos datos, se asinaron máis de 841.000 operacións avaladas polo ICO que permitiron mobilizar 104.000 millóns de euros a empresas e autónomos. As moratorias, pola súa banda, superan o millón. 

Aumento da morosidade

Pola súa banda, os xestores administrativos auguran un incremento na morosidade de pemes e autónomos nos próximos meses. Así se desprende dunha enquisa realizada polo Consello Xeral dos Colexios de Xestores Administrativos de España entre os días 5 e 8 de outubro, que reflicte que 82% dos xestores administrativos manifesta que a súa clientela aínda non recuperou o nivel de ingresos  precovid, o que supón unha "clara redución da capacidade de pago". 

Ademais, 79% dos xestores administrativos manifesta que a súa clientela precisou liquidez adicional como consecuencia da caída dos ingresos. Nesta liña, consultados sobre o acceso ás axudas promovidas desde o ICO, tan só 36,7% afirma que o conseguiron con facilidade, fronte a 57,4% que manifesta que non tiveron un acceso fácil ás mesmas.

Segundo o presidente da institución, Fernando Santiago, é "evidente" que "algo fallou" respecto aos máis de 100.000 millóns en avais do ICO anunciados polo Goberno, polo que espera que se tomen medidas "rápidas" ante as necesidades "urxentes" de liquidez, nun contexto no que observa unha "falta de apetito crediticio" por parte das entidades financeiras que carrexan "maiores dificultades" no acceso á liquidez.

Ao seu xuízo, as ferramentas que debe utilizar a Administración para apoiar os negocios son facilidades no pagamento dos impostos (90%), a flexibilidade para axustar persoal con base nas necesidades actuais (70%), reducir os seguros sociais (58%), subvencións (52%) e inxectar liquidez (46%).

O estudo deste colectivo reflicte tamén que 82% de xestores administrativos opina que as administracións non están a entender e, en consecuencia, a procurar resolver os problemas das pemes, fronte a 13,5% que consideran que si os están entendendo, unha valoración similar no caso dos problemas dos autónomos, pois 85% cre que non o están a resolver fronte a 11,5% que pensan que si.

Plan de rescate

A Xunta foi unha das poucas administracións que non puxo sobre a mesa axudas directas para os traballadores e as traballadoras autónomas, que son das que máis están a padecer os efectos da crise sanitaria. 

O Executivo de Núñez Feixoo ofreceu a autónomos, pemes e grandes empresas liñas de crédito a tipos cero, máis non axudas directas a fondo perdido, como si fixeron outros territorios. 

Onte, o presidente da Xunta, máis de medio ano despois do inicio da crise, anunciou que sairía ao rescate de 30.000 autónomos e 10.000 microempresas cun plan dotado con máis de 70 millóns de euros que aspira a ser un "balón de osíxeno" para este colectivo. Pode que a medida, pendente de concretar, chegue tarde, pois moitas empresas, ante a falta de apoios e a dificultade para facer fronte ás súas obrigas financeiras, optaron xa por deixar de loitar e botar abaixo a reixa dos seus negocios.

Comentarios