A historia da industria da gasosa na Galiza, pasado, presente e... futuro?

A primeira gasosa producida en todo o mundo data de 1832.
Gasosas expostas nunha mostra que tivo lugar no ano 2020 acerca da historia das gaseosas no Estado español. (Foto: Europa Press)
photo_camera Gasosas expostas nunha mostra que tivo lugar no ano 2020 acerca da historia das gaseosas no Estado español. (Foto: Europa Press)

Como os medicamentos, antigamente as bebidas refrescantes producíanse nas farmacias. Máis adiante comezaron a elaboralas particulares que, para se diferenciaren uns dos outros,  utilizaban envases de diferentes relevos e etiquetas.

A histórica industria das gasosas ten fortes raíces na Galiza, en 1883 aparece a primeira referencia á bebida en Ourense cando o diario Eco de Ourense publicou a compra dunha máquina embotelladora de gasosas por parte dun empresario local. Un ano antes, en 1882, Ángel Zabala, empresario cesurés, crea a primeira fábrica da bebida da zona que en 1890 chega a producir 300 litros de gasosa á hora.

Non fai falta, por tanto, especificar que foi de modo inmediato que aquela bebida gasificada se puxo de moda e na maioría de cafetarías da época era un dos produtos máis vendidos. A súa popularidade era tal que non se conseguía cubrir a demanda, e as fábricas comezaban a proliferar. Desde o comezo, a gran maioría eran empresas familiares en que o traballo se realizaba de maneira artesanal, desde o lavado dos envases, até o reparto, pasando por encher as botellas.

"A industria da gasosa era moi familiar. Ese era o lado romántico do negocio: en cada vila facíanse as botellas de gasosa en pequenas fábricas familiares e desde alí levábanse ás casas. Era todo moito máis próximo", explica Juan Carlos Villar Angeriz, coleccionista de botellas de carbónicas e investigador da historia destas fábricas. "No verán vendíanse moitas máis caixas, porque era unha bebida refrescante, e polas festas tamén se incrementaban moito as vendas. Ademais, era habitual que se mesturase a gasosa co viño caseiro, xeralmente de sabor amargo, e isto axudou a popularizala", engade.

A progresiva caída do negocio

Non obstante, xa entrado o século XX, aos poucos o negocio das gasosas comezou a decaer xa que "cando as botellas de gasosa que se vendían eran as de cristal, cada familia compraba aquela que máis lle gustaba polo seu sabor, pero a chegada das botellas de plástico supuxo que as grandes empresas de refrescos comezasen a regalar as súas propias gasosas en promoción coas botellas das outras bebidas, o que levou á caída da industria local", expón Eduardo Pensado, antigo distribuidor dunha empresa familiar chamada Gasosas Maruxa, situada na Costa da Morte, onde o negocio das gasosas tivo unha verdadeira época dourada e era un dos sectores industriais máis destacados, non obstante, hoxe só fica o recordo.

Caso salientábel é o de Carballo onde chegou a haber até cinco empresas familiares dedicadas á produción, embotellamento e distribución de carbónicas. Entre estas empresas encontrábase a xa mencionada Gasosas Maruxa (antigamente A Xeitosa).

"As empresas familiares da zona non podían competir contra a gasosa regalada polas grandes compañías de bebidas, polo que as súas vendas foron progresivamente diminuíndo até que se viron obrigadas a fechar. A chegada destes refrescos foi o que realmente provocou a desaparición da industria local da gasosa", salientaban nunha entrevista antigos traballadores do sector.

Comentarios