Aumentan en 34% as familias que perden a vivenda por non poder pagar a hipoteca

En 2021 a banca embargou na Galiza máis de 300 casas por impagamento.
Bloques de vivendas nunha rúa céntrica de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bloques de vivendas nunha rúa céntrica de Compostela. (Foto: Nós Diario) #vivenda #aluguer #alugueiro #piso #pisos #piso_turístico #compostela #santiago #vivendas

Crise, inflación, aumento constante de prezos, salarios cunha suba moi por baixo do que se encarece a bolsa da compra e bens básicos... Unha "tormenta perfecta" que tamén ten impacto nun ben de primeira necesidade que a propia Constitución española consagra como "un dereito". No segundo semestre deste ano aumentou en 34% o número de familias galegas que perderon o seu fogar por non poder seguir a pagar a hipoteca. Están nesa situación agora un terzo máis de familias que do que estaban no segundo semestre de 2021.

Entre abril e xuño 105 familias viron como a banca embargaba as súas casas ou pisos por impagamento. Unha cifra idéntica ás que pasaron por esta situación entre xaneiro e marzo. Máis de unha por día. Os embargos bancarios sobre inmóbeis propiedade de persoas físicas creceron algo máis de 20% ao longo de 2021, afectando 305 familias. 

Execucións hipotecarias

As certificacións por execucións hipotecarias iniciadas e rexistradas na Galiza no segundo semestre situáronse en 375, delas 197 sobre vivendas —21,6% máis que no mesmo período do ano anterior—, segundo os datos que publicou onte o Instituto Nacional de Estatística (INE).

As execucións hipotecarias sobre vivendas repartíronse entre 105 correspondentes a persoas físicas (34,6% máis que no segundo trimestre de 2021) e 92 a persoas xurídicas (9,5% máis). Ademais, estas certificacións foron execucións hipotecarias sobre 12 vivendas novas e a maioría, un total de 185, sobre vivendas usadas. Das 375 execucións hipotecarias na Galiza no segundo trimestre, 45 foron sobre predio rústicos, 197 as correspondentes a vivendas, unha dun solar e 132 sobre outras leiras urbanas.

Cabe lembrar que a execución hipotecaria é o procedemento "para que o acredor poida cobrar a débeda en caso de falta de pagamento, executando a garantía coa que se avalou o préstamo, e que pode derivar no embargo da vivenda e o posterior  desafiuzamento para a poxa do inmóbel", segundo explica a Nós Diario o avogado Daniel Fuertes.

Desde a PAH, Plataforma de Afectadas pola Hipoteca, levan tempo advertindo de que "estes meses a cousa pode ir a peor" pois a 31 de decembro finaliza, en principio, a suspensión de desafiuzamentos decretada polo Goberno estatal e, ademais, estamos en pleno proceso de suba de hipotecas pola inflación.

Repercusión

O euribor a 12 meses, o índice que serve de referencia para a maioría de préstamos hipotecarios a tipo variábel, fechou agosto cunha media mensual de 1,25%, o seu maior nivel desde maio do 2012. Desta forma, o índice encadea o seu quinto mes en positivo, desde que o pasado abril rexistrase unha taxa positiva de 0,013 % por primeira vez desde xaneiro do 2016. 

Cunha media mensual en agosto de 1,249 %, unha persoa que teña contratada unha hipoteca variábel a 30 anos de 150.000 euros e cun diferencial do 0,99% máis euribor, sufrirá un aumento da súa cota hipotecaria de ao redor de 120 euros ao mes, o que equivale a un incremento de aproximadamente 1.400 euros anuais.

Comentarios