O Goberno oficializa o peche da térmica de Meirama, que deberá realizarse en 12 meses

O prazo máximo para o desmantelamento parcial da planta será de catro anos a partir da clausura efectiva.

Central térmica de Meirama (Pilar Ponte / Europa Press).
photo_camera Central térmica de Meirama (Pilar Ponte / Europa Press).

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico autorizou o peche da central térmica de Naturgy en Meirama, en Cercedacanda as de Iberdrola en Lada (Asturias) e Viesgo en Puente Nuevo (Córdoba).

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica esta quinta feira as resolucións da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, con data do pasado 31 de xullo, polas que se dá o visto e prace a clausura das tres plantas.

Nos casos de Lada e Meirama, autorízase a Iberdrola e a Naturgy o peche destas centrais térmicas, que deberá realizarse no prazo de doce meses (contados a partir da data de notificación da resolución).

Así mesmo, terán que proceder ao desmantelamento parcial das plantas no prazo máximo de catro anos contados a partir da data en que o peche se faga efectivo.

Se Naturgy non procedese ao peche da central térmica de Meirama no prazo establecido producirase a caducidade da autorización, segundo fixa o BOE.

Ademais, o titular da instalación deberá cumprir para o desmantelamento as medidas e condicións establecidas no documento ambiental e na resolución de data 25 de xuño de 2020 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formulou
informe de impacto ambiental do proxecto.

No caso de Meirama, de 580 MW de potencia instalada, Naturgy traballa no desenvolvemento de dous parques eólicos, de 70 MW en total, na contorna da central, e avanzou no estudo de viabilidade para a construción dun centro de gas renovable, que podería implicar o investimento de até 20 millóns de euros adicionais.

Ademais, a enerxética analiza, xunto coas administracións, outras posibilidades para impulsar a atracción de investimento, novas empresas e proxectos á contorna da central.

Comentarios