A Galiza, terceiro territorio do Estado onde fechan máis oficinas bancarias

Protestas diante da oficina central de Abanca na Coruña polo fechamento de sucursais en concellos do rural, o pasado setembro (Foto: M. Dylan / Europa Press).
BNG e PSdeG critican a "exclusión financeira" á que se ven sometidas tanto as persoas maiores, pola irrupción no sector das novas tecnoloxías en detrimento da atención presencial, como as que habitan en concellos rurais.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu esta segunda feira que a banca "se adapte ás necesidades das persoas maiores, e non os maiores aos bancos", ao mesmo tempo que instou a Xunta a que, da man de organizacións sindicais e sociais, lidere unha "fronte común" que "free os abusos da banca na Galiza".

A nacionalista participou na mañá desta segunda feira na Coruña nun acto simbólico de denuncia da "exclusión financeira" no país, acompañada por un grupo de persoas maiores e pola deputada no Parlamenrto Mercedes Queixas e o portavoz municipal do BNG na cidade, Francisco Jorquera. Alí, Pontón asegurou que na Galiza a exclusión ten "dúas caras": unha no rural, "onde xa non teñen ningún tipo de oficina bancaria á que acudir", e outra a respecto das novas tecnoloxías, "que no canto de seren unha vantaxe, están a converterse nunha carreira de obstáculos".

O fechamento de oficinas e o cobro por realizar distintas accións, entre outros, repercute sobre todo na xente maior, sinalou a portavoz nacionalista, posto que moitos "non teñen internet ou móbil intelixente, ou non usar computador, e non poden pagar un recibo, facer unha transferencia ou controlar os seus aforros".

"É moi triste ver como a banca maltrata aos maiores; unha banca que se rescatou co noso diñeiro, incluído o da xente maior. Destináronse máis de 90.000 millóns a rescatar a banca e así nolo pagan, en forma de exclusión financeira", lamentou Pontón, que asegurou que os maiores "non merecen perder a súa autonomía financeira".

Terceiro territorio no que máis oficinas fechan

A líder do BNG criticou tamén a política do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao que acusou de "beneficiar con tres millóns de euros unha entidade bancaria para que poña caixeiros alí onde antes había oficinas, o que supón un efecto chamada". "Destruíronse máis de 5.000 postos de traballo e entre 2009 e 2019 fecharon 1.200 oficinas. A Galiza é o terceiro territorio do Estado español onde máis oficinas fecharon", asegurou Pontón, que subliñou que "non chega coa boa vontade", senón que "fai falta modificar as leis".

Chamou, ademais, a impulsar unha iniciativa social que permita "recuperar a capilaridade no país; non só no rural, senón tamén en moitos barrios de cidades onde están a fechar oficinas". Tamén apuntou que se debe apostar nunha Banca pública "con misión de servizo público, que poña no centro os dereitos da cidadanía e non a usura", e que permita que os aforros dos galegos fiquen no país. "Cada ano emigran máis de 20 mil millóns de euros de aforro galego", destacou.

Situación "dramática" para o PSdeG

A este asunto tamén se referiron esta segunda feira tanto o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, como o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy.

Así, en primeiro lugar, o dirixente socialista pediu a implicación da Xunta e das entidades bancarias para frear a "dramática" exclusión financeira que profunda na perda de servizos no rural, onde "se non hai colexio, banco nin centro de servizo médico, ninguén vai querer vivir". Aliás, cualificou de "acertada" a reflexión feita desde o Ministerio de Economía na liña de primar as entidades que manteñan os servizos abertos.

Pola súa parte, Puy sostivo que se trata dun "problema xeralizado do conxunto de España" após a "trasformación do sector". Así, aínda que dixo que "o comportamento do sector está a ser positivo", recoñeceu que na súa transformación "están a producirse algunhas cuestións" que o PP non comparte como a relacionada coa atención a persoas que viven en núcleos pequenos de poboación nos que "por criterios de rendibilidade" fechan esas oficinas.

Ante iso, destacou as accións postas en marcha pola Xunta, como a firma dun convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para levar os servizos financeiros aos municipios que o necesiten a través de caixeiros automáticos, de métodos móbiles ou oficinas que abren algún día da semana.

"A Xunta está a contribuír con recursos para que o criterio de rendibilidade económica que leva ás empresas a fecharen oficinas sexa matizado para que se dea un servizo público máis amplo", dixo, para incidir en que "é certo que hai un problema" e que "na Galiza se está tentando resolver con esas actuacións que van permitir que o dano que se fai polo fechamento desas oficinas sexa menor do que podería ser doutra maneira".