Galiza é o terceiro territorio que menos grava as persoas con maiores ingresos

A presión fiscal ás rendas medias e baixas na Galiza está por riba da media 
O Goberno español incrementou o tipo máximo dous puntos de cara ao exercicio 2021 para gravar máis as rendas máis altas (Foto: Axencia Tributaria).
photo_camera O Goberno español incrementou o tipo máximo dous puntos de cara ao exercicio 2021 para gravar máis as rendas máis altas (Foto: Axencia Tributaria).

Esta semana arrancou a campaña de Renda e Patrimonio 2020. Milleiros de galegos e galegas están chamadas a render contas coa Axencia Tributaria. Mais a falla de uniformidade nos tipos impositivos dos distintos territorios, cuestión que desde o Goberno estatal queren abordar, fai que non paguemos o mesmo que en Asturias, cunha alta presión fiscal, ou en Madrid, que presenta a máis baixa do Estado español. 

No caso concreto da Galiza, o informe "Panorama fiscal autonómico de 2021" presentado esta semana polo Consello Xeral de Economistas Asesores Fiscais (Reaf), sitúa o país entre os territorios cuns marxinais máis moderados en comparación coa media, moi preto dos de Madrid e na liña dos de Castela e León, Andalucía e Murcia.

O tipo mínimo sitúase en 19%, que é o que presentan a maioría dos territorios. Só Madrid e A Rioxa (18,5%) e Nafarroa (13% no seu réxime fiscal) teñen valores máis baixos. 

Así, unha persoa cuns ingresos anuais de 30.000 euros por rendementos do traballo na Galiza pagará na Renda do ano que vén 4.949 euros, deducións á marxe. Só en seis territorios pagaría máis (Catalunya, Aragón, Illes Balears, Estremadura, Nafarroa e Asturias).

Rendas altas

A pesar da suba de dous puntos no IRPF para as rendas do traballo a partir de 300.000 euros incluída nos orzamentos para 2021 do Goberno de Pedro Sánchez, Galiza será un dos territorios cos tipos máis baixos para as rendas altas (o tipo máximo é de 47%). Lonxe están os do País Valenciá (54%), que eleva este tipo tanto para rendas altas como para patrimonio, ou Catalunya (50%), que aínda que tamén incrementa os impostos ás rendas máis altas non ten impacto no tipo marxinal.

Neste escenario, unha persoa con rendementos de traballo superiores a 300.000 euros anuais pagaría de IRPF na Galiza 122.967 euros, case 13.000 euros menos que no País Valenciá. Só en Madrid e nas dúas castelas, as persoas que cobran grandes salarios pagan menos impostos que na Galiza.

A progresividade dos impostos aos rendementos do traballo é, pois, moito máis suave na Galiza que noutros territorios do Estado español.

Porén, o Goberno estatal quere ir mitigando esas diferenzas. De aí a suba do tipo máximo do IRPF, que territorios como Catalunya aproveitan para incrementar aínda máis, e tamén as modificacións no imposto de Patrimonio ─que grava as posesións─ e que afectará a Aragón, Canarias, A Rioxa, Castela e León e Castela-A Mancha. As fortunas galegas salvan novamente da queima.

Así, unha persoa cun patrimonio de 800.000 euros tributaría polos seus bens 200 euros na Galiza, nada que ver cos valores que pagaría esa mesma persoa en Aragón (1.164 euros), Estremadura (1.099 euros) ou o País Valenciá (909 euros).

Con todo, os economistas destacaron a excepcionalidade do caso español, xa que é un dos poucos estados que mantén esta figura impositiva, derrogada no resto de Europa e de extraña convivencia co Imposto de Sucesións, como destacou Valentín Pich, presidente do Reaf.

Comentarios