Galiza paga no recibo da luz as consecuencias do tempo extremo na meseta

O prezo da enerxía marcou o pasado día 11 o valor máis alto para un domingo. O detonante desta subida foron as altas temperaturas rexistradas en boa parte do Estado español. Porén, a Galiza, onde as temperaturas foron suaves, viuse prexudicada por esta situación, ao non contar cun prezo diferenciado.
A alta demanda obrigou a activar o ciclo de carbón da térmica de Endesa nas Pontes (Foto: Endesa).
photo_camera A alta demanda obrigou a activar o ciclo de carbón da térmica de Endesa nas Pontes (Foto: Endesa).

O prezo medio da electricidade no mercado situouse o pasado 11 de xullo en 90,77 euros o megawatt/hora (MWh), o que supón un récord histórico para un domingo, cun pico máximo de 103,63 euros, segundo datos do Operador do Mercado Ibérico de Electricidade (OMIE).

Desde o sector atribúen este máximo a unha combinación de factores, como os custos dos dereitos de emisión de CO2 ─que superaron os 50 euros por tonelada─, e a subida no prezo do gas. Xunto a eles, emerxe un factor meteorolóxico: as altas temperaturas rexistradas en boa parte da Península Ibérica. 

Estas altas temperaturas implican, en moitos dos casos, un maior consumo de electricidade asociado aos aparatos de ventilación e refrixeración. Porén, na Galiza a demanda enerxética mantívose en valores similares aos do resto da semana.

Ao igual que aconteceu co frío extremo rexistrado no mes de xaneiro pola borrasca Filomena, a Galiza quedou á marxe dos efectos máis duros destes fenómenos meteorolóxicos extremos, mais as galegas e os galegos pagaron no seu recibo da luz como se tamén tivesen que aumentar a súa demanda para paliar os efectos das altas e baixas temperaturas.

Agravio por partida dobre

Esta situación provoca un dobre agravio para a Galiza. Por unha parte, as empresas e a clientela particular acollida ao prezo voluntario para o pequeno consumidor (PVPC) ve incrementado o prezo da enerxía que consome pese a non aumentar a demanda ─os maiores picos concéntranse no resto do Estado español─ e, por outra, vese obrigada a aumentar a súa capacidade de xeración para cubrir as necesidades da poboación

De feito, segundo confirmaron a Nós Diario fontes de Endesa, a central térmica das Pontes, que ten un dos seus ciclos de carbón en situación de dispoñibilidade mentres agarda pola autorización de fechamento, tivo que entrar en funcionamento tanto o sábado como o domingo, liberando CO2 á atmosfera. Outro efecto negativo da xeración enerxética que pagan só as e os habitantes das zonas produtoras. 

O mesmo acontece cos encoros. A Galiza rexistrou un dos meses de xuño máis húmidos dos últimos anos, unha circunstancia que permitiu encher os encoros pero que agora, co aumento da demanda, sufriron o impacto de xerar unha enerxía que as eléctricas repartirán por todo o Estado español, onde a demanda foi moi superior á galega.

Recursos para a poboación

Para reverter esta situación, o BNG vén de rexistrar no Congreso das Deputadas varias iniciativas para exixir o Goberno español que modifique a lei para permitir que as concesións hidroeléctricas, unha vez caducadas, sexan cedidas gratuitamente ao territorio no que se asentan e se articulen políticas públicas para xerar beneficios en favor do conxunto da sociedade.

Segundo explican desde a formación nacionalista, o sector enerxético galego ten un enorme valor estratéxico polo seu peso no PIB e por ser un factor relevante na produción industrial. A pesar disto, como denuncia o deputado Néstor Rego, "a Galiza apenas conta con capacidade de decisión para deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia orientada a un aproveitamento endóxeno dos seus recursos enerxéticos".

Nesta liña, sinala que "ao longo dos anos, o territorio galego foi forzado a especializarse na xeración de electricidade, xogando un papel fundamental como subministradora de enerxía eléctrica para o resto de territorios do Estado español". 

Na súa opinión, os aproveitamentos deben ser de utilidade pública e interese social, para  que actúen como vector de crecemento económico, "sobre todo nos territorios de implantación", e supoña progreso social para o conxunto da poboación, "estreitando o vínculo entre enerxía e sociedade", apunta.

 Neste sentido, Rego lembra que o BNG defende a creación dunha empresa pública galega que xestione a produción eléctrica, que podería facerse cargo da explotación destes saltos eléctricos, e lograr así que o beneficio económico que xeran repercuta en favor de toda a Galiza.

Fenómenos extremos cada vez máis frecuentes

O episodio de altas temperaturas desta fin de semana debeuse a intrusións de aire subtropical ou sudafricano. No caso da Galiza, como explica a Nós Diario o delegado na Galiza da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) Francisco Infante, non chega, primeiro, "porque estamos máis lonxe". Pero o factor máis determinante é porque o clima "está influenciado polo efecto dunha enorme masa de auga, que é o océano Atlántico, que actúa como regulador térmico, tanto coas máximas como as mínimas", agás en zonas do interior do país, puntualiza.

Con todo, advirte de que o aumento da frecuencia como da intensidade destes fenómenos polo cambio climático "xa se está a notar" e "vai ir a máis" se non se toman "medidas contundentes" contra a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.

Comentarios