Galiza exportou en 2020 o 30% da electricidade que produciu

A CIG presenta alegacións á orde que establece os prezos dos cargos e peaxes que se aplicarán a partir do 1 de xuño por entender que vai implicar unha suba anual da luz a familias e pemes. 

O prezo da luz abeira un novo record.
photo_camera ¡

A CIG informa que os datos adiantados do Informe do Sistema Eléctrico do 2020 de Red eléctrica española (REE), “Galiza exportou o 29,2% da enerxía que xerou”. Porén, engade, os fogares galegos “poderían ver incrementada a súa factura anual da luz entre un 14% e un 32% debido á nova regulación do sistema de tarifas que está preparando o Ministerio de Transición para a Ecoloxía”.

A Comisión de mercados e competencia (CNMC) elaborou, explica a central nacionalista, un "proxecto de orde pola que se establecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por capacidade que resultan de aplicación a partir do 1 de xuño de 2021" ao que a CIG vén de presentar alegacións, solicitando a súa retirada e que se reconsideren as peaxes e os cargos das novas tarifas para non penalizar, sobre todo,” o consumo doméstico e determinadas actividades económicas con forte implantación no país como son as pequenas explotacións gandeiras, o sector da hostalería ou as PEMES”.

No caso dos fogares, afirma o sindicato, a nova distribución das peaxes e cargos na tarifa 2.0 TD (que pasa a ter dúas potencias e tres períodos) afectaría de forma moi directa a aqueles puntos de subministración que contan actualmente con discriminación horaria -con especial incidencia nas casas que teñen acumuladores e termos eléctricos-, que poderían ver incrementada a factura anual entre un 14% e un 32%, ao reducirse de 14 a 8 horas a franxa horaria máis barata que se aproveita para a carga destes aparatos.

“Cómpre salientar que en Galiza hai máis de medio millón de usuarios que contan coa tarifa 2.0DHA, a tarifa doméstica por excelencia, que relevou a antiga tarifa nocturna, “.

Tamén resultarán afectadas, advirte a CIG, “as máis de 10.000 pequenas explotacións gandeiras do país, que verán engordado o seu recibo enerxético en máis de 800 euros, posto que as tarefas de alto consumo coinciden cos horarios do período punta da tarifa e non se poden desprazar a outros períodos con peaxes máis baratas”.

A CIG calcula que o incremento medio da factura anual para este colectivo será do 41,09% e as novas tarifas terán un impacto semellante noutras actividades con similar perfil de consumo, como pode ser a hostalería.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica de “intolerábel” que as familias galegas e as actividades económicas asentadas en Galiza teñan que seguir afrontando subas nas tarifas eléctricas, “cando somos un país excedentario na produción de enerxía. No  propio Avance do Informe de Red Eléctrica Española (REE), apúntase que no noso territorio se produciron 24.553 XWh, dos que o 75% procederon de fontes renovábeis”.  

Comentarios