A Galiza paga o dobre que a comezos de 2021 polo 80% do millo que consume

O buque 'Alppila' chegou a pasada segunda feira ao porto coruñés cun cargamento de millo procedente de Ucraína (Autoridade Portuaria da Coruña).
photo_camera O buque 'Alppila' chegou a pasada segunda feira ao porto coruñés cun cargamento de millo procedente de Ucraína (Autoridade Portuaria da Coruña).

Esta semana chegou ao porto da Coruña un cargueiro ─o Alppila, de bandeira finesa─ con 18.000 toneladas de millo procedente de Ucraína. Trátase dunha cantidade "simbólica" que non ten un peso relevante no total de importacións deste cereal na Galiza, que andan arredor das 800.000 toneladas ao ano, pero que serviu tamén para destacar a dependencia que o país ten do millo foráneo. 

En declaracións a Nós Diario, o director xerente da Asociación de Fabricantes de Alimentos Compostos da Galiza (Agafac), Bruno Beade, explica que na Galiza se consumen anualmente arredor de un millón de toneladas de millo que se transforman fundamentalmente en pensos para a alimentación da cabana gandeira galega.

"Nós fabricamos 100% do que se consume, pero a cantidade que traemos de fóra depende das colleitas que haxa na Galiza, aínda que adoita estar arredor de 80% do total", indica Beade, quen recoñece que existe marxe de mellora no país para reducir esa dependencia do exterior. 

Con todo o directivo de Agafac, afirma que "é complicado" que a Galiza supla a demanda exterior no caso do millo, xa que os volumes que se producen na actualidade "son irrelevantes" e as condicións para aumentar a produción tampouco son as máis propicias. 

Os volumes que se producen na actualidade na Galiza son irrelevantes.

De feito, na Galiza houbo gandeiros que aumentaron a superficie de millo para tentar reducir o impacto da suba dos pensos, mentres outros optaron por reducila, xa que o prezo dos fertilizantes, combustíbeis e sementes encareceu 200 euros o custo de sementar unha hectárea.

Vías alternativas

Un aspecto sobre o que quixo chamar a atención é que na Galiza non existe agora mesmo risco de desabastecemento, xa que o millo que antes viña de Ucraína foi importado doutras orixes. 

Así, entre os meses de febreiro a xuño, nos que a práctica totalidade do millo que chegaba aos portos galegos era ucraíno, este ano recorreuse a mercados como Canadá, Romanía ou Francia, que antes non se empregaban. 

Con todo, Beade destaca que, pese ao feito de non precisar o millo de Ucraína, "vennos ben porque ao final é sacar ao mercado máis mercadoría para relaxar a tensión que hai nos prezos" que, lamenta, están en niveis "estratosféricos".

De aí que vexa como unha boa nova os intentos de sacar o millo de Ucraína ─hai uns 40 millóns de toneladas almacenadas no país─, pois desde o inicio do conflito os prezos disparáronse 40%, ao que hai que sumar, di, a escalada que se viña dando desde 2021, o que en conxunto fixo que en ano e medio "practicamente todas as materias primas duplicaran os prezos".  

Porén, unha cantidade tan pequena como a recibida na Coruña non vale para influír no mercado. Si pode contribuír a chegada de millo doutras partes do mundo, especialmente de países de América do Sur como Arxentina ou Brasil ─o domingo tamén arribou a Coruña un cargueiro procedente deste país─. 

"De momento non entrou millo da Arxentina", confirma Beade, que precisa que o millo de fóra fai falla todo o ano, "e canto máis se produza na Galiza, mellor para reducir a nosa dependencia do estranxeiro", concluíu.

comentarios