A realidade de Vestas e Siemens-Gamesa contradí os argumentos da Xunta

O conselleiro de Economía bota as culpas á política enerxética estatal da fuga de empresas da Galiza 
Francisco Conde, conselleiro de Economía, asegura que as empresas marchan da Galiza pola política enerxética do Goberno español (Foto: Moncho Fuentes).
photo_camera Francisco Conde, conselleiro de Economía, asegura que as empresas marchan da Galiza pola política enerxética do Goberno español (Foto: Moncho Fuentes).

Ao contrario do que quere facer pensar o conselleiro de Economía, Francisco Conde, o feche de firmas vinculadas á produción de equipos de enerxías renovábeis non responde aos cambios que está a acometer en materia de política enerxética o Estado español, como denunciaba hai uns días o conselleiro, senón a decisións empresariais ás que a Xunta non é quen de buscar a resposta adecuada.

O feche da factoría de Siemens-Gamesa nas Somozas supuxo un duro pau a unha comarca xa de por si afectada pola crise industrial, fundamentalmente pola falta de carga de traballo en Navantia e polo cesamento de actividade da central térmica das Pontes. Significou a perda de 215 postos de traballo nunha factoría que chegou a empregar 700 persoas. 

Neste caso, a empresa decidiu marchar a Portugal, onde meses atrás adquirira unha fábrica de pas para muíños eólicos que lle permitía producir compoñentes de maiores dimensións, que son os que solicita actualmente o mercado mundial. 

De nada serviu que, xa despois de que a multinacional anunciara a súa intención de deixar de producir a finais de 2020 e de facer caso omiso das advertencias dos traballadores, o Goberno galego adecuase unha estrada para que da planta das Somozas puidesen saír pas máis grandes. Tampouco o ofrecemento de terreos para ampliar as súas instalacións. 

"A planta non é competitiva para fabricar as pas dos aeroxeradores máis grandes, que son os que require o mercado e, no caso dalgúns modelos, non os podería fabricar por limitacións de espazo e transporte", insistía a compañía ao anunciar o feche.

A empresa non marcha

Porén, o das Somozas, xunto co de Cuenca, foron os únicos feches de plantas da multinacional no Estado español, onde mantén uns 4.400 empregos (a quinta parte do persoal total da empresa) repartidos entre e a súa sede en Zamudio (Biscaia), o centro de I+D da compañía en Nafarroa e nove plantas de produción.

En Aoiz (Nafarroa) mesmo estudan reabrir unha planta para dedicala á reciclaxe de pas, pero desde comezos de ano non houbo avances significativos.

O futuro de Vestas, no aire

O caso de Siemens-Gamesa parece replicarse agora na planta de Vestas en Chavín (Viveiro), onde a multinacional danesa, rematado onte o prazo de consultas para o Expediente de Regulación de Emprego (ERE), decidiu seguir adiante co seu plan de feche e despedimentos.

A multinacional xustifica a súa decisión na baixa demanda de aeroxeradores de 2 megawatts (MW) e na necesidade de optimizar a fabricación de compoñentes para eólica mariña. En Viveiro facíanse estes aeroxeradores e paneis de control da turbina mariña V164. Con todo, considera que "España segue a ser un mercado chave para Vestas, con máis de 4,8 xigawatts (GW) de turbinas instaladas, 6 GW en mantemento e máis de 2.200 empregados a data de agosto de 2021, incluíndo a fábrica de pas en Daimiel (Cidade Real)".

Porén, a Xunta prefire buscar un investidor para a planta antes que ofrecer á multinacional os medios para quedar na Galiza.

Un cambio de política cara ás renovábeis

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, afirma que a "falla de credibilidade" da política enerxética estatal provoca que empresas como Vestas e  Siemens-Gamesa adopten "a solución de abandonar España", mais só marchan da Galiza. No caso das firmas electrointensivas, a Xunta tampouco está a achegar solucións propias, deixando o seu futuro en mans do que decidan en Madrid, mentres que Asturias, no caso de Alu Ibérica, xa está a buscar saídas para garantir a actividade na planta

Ademais, lonxe do que defende Conde, a nova política enerxética do Estado vai encamiñada a potenciar o peso das enerxías renovábeis no mix, polo que a marcha destas firmas, coa inxente cantidade de proxectos eólicos que ten a Xunta sobre a mesa, é aínda máis difícil de xustificar.

Comentarios