luns 25.05.2020

Galiza comeza a fase 1 do desconfinamento

A nova situación móvese entre a “esperanza” do comercio e a “incerteza” da hostalaría, os dous grandes sectores que veremos outra vez abertos mais con restriccións.

Un local hostaleiro en Compostela (Hostalaría Compostela)
Un local hostaleiro en Compostela (Hostalaría Compostela)

A nova fase de desconfinamento na que entramos esta segunda feira 11 de maio debuxa un panorama que seguirá a ser moi diferente ao anterior ao estado de alarma mais que nos permitirá certa liberdade de movementos.

Marcado pola restrición de non pasar da provincia en que se ten a residencia sectores como o comercial e o hostaleiro poderán renovar a súa actividade económica ordinaria despois de máis de 50 días coa reixa botada, algo que o comercio acolle "con esperanza" e a hostalaría con "incerteza".

Desde a Federación Galega de Comercio, o seu presidente José María Seijas, explica que agarda unha "remontada" da actividade económica, iso sí "lenta". Considera que a maioría de locais usaron a fase 0 para "prepararse" e así poder abrir en "condicións de seguridade" a partir deste segunda feira, cando comeza a fase 1.

Asegura que "abrir non significa que vaiamos empezar a vender, será lento", mais "o máis importante é que as consumidoras e consumidores se conciencien de que teñen que mercar no pequeno comercio, nos locais do seu barrio", porque "onde non hai comercio, non hai vida, non hai alegría nin luminosidade", destacou.

Desde a Federación subliñan que haberá campañas de concienciación á cidadanía

Desde a Federación subliñan que haberá campañas de concienciación cara a cidadanía para que "se mentalice" de que ela será clave para manter con vida este sector.

"O comercio subsiste da xente que sae á rúa" e, por este motivo, a máxima dos locais é "abrir cumprindo coas directrices de Sanidade" para así trasladar "seguridade" ao consumidor e que "non tema" á hora de acudir a eles.

Menos optimismo na hostalaría

Nunha perspectiva máis municipal, o responsábel do restaurante A Nave de Vidán e membro da Asociación Hostalaría Compostela, Lois López, reduce a "bastante anecdótica" a apertura de locais que se vai a producir na capital galega a partir do día 11 de maio.

"Entre as terrazas, que son xa bastante pequenas, e as limitacións de capacidade... Non fai viábel a apertura", lamenta, para cifrar en 5% os negocios que levantarán o enreixado nesta fase.

Limitar as terrazas ao 50% e garantir a distancia entre as mesas é algo que "practicamente só dúas ou tres lugares" de Compostela, como Praza Roxa ou a zona de Cervantes, pode cumprir, afirma. E todo iso a pesar de que o Concello permitirá ampliar a extensión das terrazas.

A este problema de espazo sumarase o tempo, posto que as predicións para esta semana que entra non son boas, mais tamén as "dificultades económicas" que vai sufrir o sector, xa que a "crise social" derivada da pandemia afectará á "confianza" da cidadanía.

O turismo non pode coas provincias

O sector do Turismo é outro que agardaba por entrar nesta fase. O presidente do Clúster Turismo da Galiza, Cesáreo Pardal, recoñece que "hai incerteza" nun sector que durante esta fin de semana viviu "pendente do BOE" para coñecer o seu futuro.

A pesar da entrada na fase 1, as restricións de mobilidade entre provincias que aínda perduran lle permiten prever que os locais abertos esta segunda feira non van chegar a 5%. "O empresario non ten o seu negocio aberto para perder diñeiro", di.

Con todo, o presidente deste clúster non dá por perdido o verán e confía en que, "aínda que sexa a mediados do mes de xullo, se poida recuperar" a actividade. Iso si, advirte que "como mínimo, a ocupación vai baixar a 50%".

comentarios