O turismo ameaza con facer un burato de 5.600 millóns na economía galega

Hotel en Compostela (Arxina).
photo_camera Hotel en Compostela (Arxina).

O sector turístico é un dos máis golpeados pola pandemia do coronavirus e será tamén un dos que máis complicada teña a súa recuperación. No caso da Galiza, segundo as estimacións da patronal turística Exceltur, de confirmarse un escenario de desescalada progresiva até finais de ano, o impacto na actividade do sector a respecto de 2019 sería de 5.685 millóns de euros.

Pensar no tráfico de pasaxeiras internacionais hoxe en día é case ciencia ficción. Os aeroportos galegos están parados, con días nos que non despega do país ningunha aeronave. Os portos tardarán en acoller cruceiros de novo. É o momento de sentarse e deseñar o turismo que vén. 

Iso é o que van facer na Deputación da Coruña, que ten organizados varios foros con representantes do sector económico, con xestores administrativos, investigadores, universidade e o propio sector turístico co gallo de buscar as mellores alternativas.

En declaracións a Nós Diario, o responsábel de Turismo e vicepresidente da institución, Xosé Regueira, recoñece que o sector é dos que vai mudar "dunha maneira máis rotunda".

Até a actualidade, as estratexias de turismo baseábanse en crear efectos chamada para que moreas de persoas se achegasen a sitios moi concretos. "Agora esa fórmula queda definitivamente caducada", apunta Regueira, para quen o éxito após a pandemia estará en transmitir seguridade, e aí Galiza "ten potencialidades que poden ser beneficiosas".

"Do que se trata agora é de vender unha liña de alta calidade e alta seguridade que poida convencer o turismo de proximidade". E é que as expectativas no que atinxe ao tráfico internacional son "máis dramáticas, tanto por vía aérea como en barco de pasaxe". "En ningún caso vai chegar a xente que estaba prevista", engade. 

De feito, Regueira dubida que a aviación e o tráfico de cruceiros se recuperen do golpe que lles asestou a pandemia da COVID-19, xa que a sensibilización social respecto a estes medios xa estaba a mudar antes desta crise polos efectos que ambos os dous tiñan no medio ambiente.

Outro tipo de turismo que será difícil recuperar, segundo o responsábel da Deputación coruñesa, é o urbano e de congresos, pola masificación que entrañan. 

No extremo oposto, o turismo de segunda residencia e o de natureza son os que máis posibilidades teñen de tirar do sector, xa que a xente vai tender a fuxir das grandes aglomeracións. Neste senso, Galiza conta cunha estrutura de turismo rural "potente" á que nos últimos tempos non acompañaban os resultados. A crise do coronavirus pode ser, pois, o revulsivo que estaban a agardar para darlle a volta ás cifras grazas ao mercado doméstico.

O que está claro é que, aínda con eses datos para a esperanza, o sector vai precisar dun rescate. Os aloxamentos levan fechados desde mediados de marzo, e bares e restaurantes terán que  reducir o seu aforo e investir en infraestruturas que garantan protección e acheguen seguridade ás súas clientas.

Así pois, a economía galega sufrirá pola súa exposición ao sector, de aí que a confección dunha estratexia que defina o seu futuro sexa agora máis necesaria que nunca.

Comentarios