Galiza está aínda lonxe de recuperar o volume de exportacións previo á crise

As exportacións de produtos téxtiles volveron a cifras positivas e, xunto coa automoción, tiraron do crecemento rexistrado en decembro, aínda que os datos só representan 92,9% do que se movía antes da crise da Covid-19.
Descarga de contedores no porto exterior de Ferrol (Foto: APFSC).
photo_camera Descarga de contedores no porto exterior de Ferrol (Foto: APFSC).

As exportacións galegas remataron 2020 marcando a senda da recuperación, mais, como apunta o Barómetro Exportador da Galiza (Baexga), elaborado polo Foro Económico, o volume exportado aínda está lonxe de alcanzar os niveis previos á crise da Covid-19.

En decembro, as exportacións rexistraron un incremento de 6,8% respecto do mesmo período de 2019, un dato que constata a recuperación das vendas de mercadorías ao estranxeiro.

Segundo o Foro Económico, este crecemento permitiu reducir as diferenzas coas cifras de febreiro de 2020, mes previo á declaración da pandemia da Covid-19. Na actualidade, o volume exportado representa 92,9% dos datos que se manexaban entón

Aínda que lonxe, case oito puntos a evolución é mellor que no caso das exportacións no conxunto do Estado español. En decembro, o aumento interanual deste indicador foi de tan só 0,9% e a diferenza cos datos previos á pandemia leva xa tres meses estancada, cun volume que supón 89,5% da cifra de exportacións de febreiro de 2020.

O téxtil recupera o brío

Un dos datos máis salientábeis recollidos no Barómetro Exportador da Galiza é a recuperación das vendas ao estranxeiro de produtos da industria téxtil. En decembro, após varios meses de caídas de dous díxitos, o indicador volveu a cifras positivas, apuntándose un crecemento de 9,5%. Dado o seu peso, a súa foi a segunda maior contribución ao aumento das exportacións no último mes do ano. Xunto coa automoción representaron 52,2% do total, pero o volume de vendas non chega a representar 75% do que movía antes da pandemia (está en 74,1%).

Non acontece o mesmo coa automoción, que un mes máis volve presentar a maior contribución positiva ao crecemento das exportacións. Faino ademais cunha alza de 28,5% en termos interanuais e é, xunto co sector agroalimentario (+0,8%), o único que presenta cifras positivas desde o inicio da pandemia (+27,5%), o que o sitúa sen dúbida ningunha como o verdadeiro tractor das exportacións galegas.

En decembro, o sector agroalimentario presentou unha taxa de crecemento interanual de 3%, o que leva que se manteña en niveis lixeiramente superiores aos previos á pandemia.

Ademais, a metalurxia consolidou os avances rexistrados nos últimos meses e alcanza unha suba interanual de 8,2%, o que a coloca como o terceiro sector máis próximo aos niveis anteriores á crise sanitaria (92,4%).

Pola súa banda, a madeira e os derivados amosan taxas positivas por segundo mes consecutivo, ao alcanzar unha subida de 13,4%. Esta variación achácase ás vendas de madeira e manufacturas, que semellan impulsar a recuperación do conxunto do sector.

Por último, o sector dos combustíbeis e o de bens de equipo presentan caídas interanuais de 48,4% e 10,3%, respectivamente. Así, o descenso en comparación aos niveis anteriores á pandemia roza o 50% no caso do sector dos combustíbeis (en gran medida pola caída da actividade e polas restricións á mobilidade en todo o mundo) e alcanza 25% nos bens de equipo, en parte tamén pola retracción do consumo.

Comentarios