martes 24/11/20

As exportacións galegas lideran o crecemento no mes de setembro

A pesar do incremento de 21,5% de setembro, o volume das exportacións galegas acumula un descenso no que vai de ano de 9,1%
Traballadoras na planta de PSA en Balaídos. (Foto: PSA)
Traballadoras na planta de PSA en Balaídos. (Foto: PSA)

O mes de setembro trouxo bos datos no que as exportacións galegas se refire. Segundo as cifras publicadas esta quinta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE), Galiza rexistrou vendas ao exterior por valor de 2.451,6 millóns, o que supón un incremento de 21,5% a respecto do mesmo mes de 2019. 

Este bo resultado sitúa a Galiza como o territorio con maior crecemento de todo o Estado español, onde o volume de exportacións retrocedeu de media 0,9%. De feito, o peso do país no total de vendas ao exterior superou 10%.

Un mes máis, a automoción volve tirar das cifras á alza. Segundo os datos do IGE, as vendas de coches aumentaron 79,6% interanual, de maneira que este produto xa representa unha terceira parte (32%) das vendas ao exterior da Galiza.

Se tomamos como referencia a parte sur do país, onde se asenta o groso desta industria ─o grupo PSA Citroën ten a súa sede en Vigo─, alí o crecemento das exportacións experimenta unha suba de 32,3%.

As exportacións de barcos serían, após a automoción, o produto con maior crecemento nas vendas ao estranxeiro.

No que atinxe á importación de produtos, Galiza computou un volume de bens importados de 1.589,5 millóns en setembro, polo que conta cunha balanza comercial positiva este mes de 862,1 millóns.

Por destinos, os principais aumentos tiveron lugar en Francia (+53,3%) e Italia (+24,2%). Fóra da UE destaca o ascenso nos bens comercializados no Reino Unido e a baixada experimentada cos Estados Unidos de América (EUA), en parte como consecuencia das sancións impostas a determinados produtos europeos polo Goberno de Donald Trump.

O impacto da Covid

Pese aos bos resultados logrados no mes de setembro, o impacto da Covid-19 e das medidas de confinamento decretadas a comezos do exercicio aínda se fai notar. No acumulado do ano ─entre xaneiro e setembro─ as exportacións galegas caen 9,1% (suman 14.597 millóns). Con todo, este descenso é menos acusado que o 12,6% do Estado.

As importacións, pola súa banda, retroceden 19,7% e quedan en 11.748 millóns, o que deixa unha balanza positiva de 2.848,8 millóns.

comentarios