Análise

Galicia exporta

O economista e escritor Marcelino Fernández Mallo prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
As exportacións galegas alcanzaron os 14.406 millóns de euros no primeiro semestre do ano. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera As exportacións galegas alcanzaron os 14.406 millóns de euros no primeiro semestre do ano. (Ilustración: Álex Rozados)

Hai un par de semanas, a entidade pública ICEX comunicou as cifras de comercio exterior correspondentes ao primeiro semestre de 2022, co detalle por comunidades autónomas (CCAA). Como ben sabemos, os números admiten múltiples lecturas segundo quen os estea a presentar. Neste caso, os medios de comunicación e mais os líderes de opinión galegos difundiron unha mensaxe triunfalista baseada no crecemento das exportacións e na cota de Galicia sobre o total español.

As análises económicas deben fuxir das conclusións tiradas a partir dun dato illado e procurar comparativas e evolucións cunha perspectiva integrada. Os datos do ICEX convídannos a facer esa análise para ser quen de obtermos resultados significativos. Habemos lembrar, por exemplo, que as exportacións que facilita o ICEX se concentran nas vendas realizadas a países estranxeiros e deixan fóra, polo tanto, o comercio con outras CCAA españolas, o cal debe considerarse exportación igualmente.

Un crecemento do 27% sería unha boa nova se non fose porque o incremento das importacións foi do 37%

As exportacións galegas segundo o ICEX acadaron os 14.406 millóns de euros no primeiro semestre do ano, cun crecemento respecto do ano anterior do 27%. Esa cifra supón un 7,5% do total exportador español, un valor superior ao 5,2% aproximado que Galicia representa no PIB español. Estes son os números que se amosaron como éxito da economía galega, o cal non se xustifica na miña opinión con tal de que fagamos unha análise algo máis traballada. Explícome:

Un crecemento do 27% sería unha boa nova se non fose porque o incremento das importacións foi do 37%. Isto quere dicir que respondemos de xeito satisfactorio á demanda exterior pero de modo deficiente á demanda interior. Tendo en conta que as exportacións ICEX supoñen arredor dun terzo da produción total de Galicia, o balance integrado resulta, polo tanto, desfavorable. Así pois, se o saldo comercial en 2020 foi positivo en 4.182 millóns de euros e en 2021 en 5.154, no primeiro semestre de 2022 esa mesma variable quedou en 1.521 millóns de euros. 

Mercado exterior

Por outra banda, o feito de que a presenza dos produtos e servizos galegos nos mercados exteriores teña un peso nas exportacións españolas superior ao seu peso do PIB xeral, pon de manifesto a especialización sectorial de Galicia en industrias globais pero non necesariamente un maior dinamismo económico xeral. Velaquí temos que o índice C2, de concentración das exportacións nos dous principais sectores (automoción e confección no caso de Galicia) supón un 44% do total, unha proporción impropia das economías solidamente estruturadas. Resulta evidente que o efecto Inditex maquilla a maior parte das variables da economía galega.

Galicia é un país de exemplos. É fácil nomear casos específicos de éxito en ámbitos ou actividades concretas. O problema que condiciona o seu progreso é a falta dun sistema económico artellado que favoreza o xurdimento de empresas, o seu crecemento e a súa competitividade a partir do desenvolvemento de capacidades diferenciais. Abonda con comprobar a relación de principais empresas españolas: entre as 100 maiores, hai tres galegas, que son Inditex, Zara e PSG Citröen (por certo, hai oito vascas).

Retomando a cifra de exportacións, debemos sinalar tamén que ese 7,5% actual de participación de Galicia sobre o total español caeu dende o 8% que representaba en 2021. Para realizar unha comparativa cunha realidade equiparable, propoño tomar de novo o País Vasco, unha economía tamén do norte peninsular, cunhas condicións endóxenas similares e un tamaño de poboación non tan dispar. Pois ben, Euskadi representa un 8,7% do total das exportacións españolas, unha participación que medrou dende o 8,1% de 2021.

O crecemento das exportacións galegas é unha nova positiva que fica ensombrecida polo incremento aínda maior das importacións

A fin de determinar o dinamismo xeral dunha economía, a cifra de exportacións a unha data concreta non resulta suficiente. O mellor dato de síntese segue a ser a evolución do PIB, que ten en consideración tanto o mercado interno como o exterior –exportacións e importacións–, así coma o PIB por habitante que ilustra a competitividade económica do territorio.

Se comparamos a evolución do peso do PIB galego sobre o total español no último decenio (2010-2020 para utilizar o último valor publicado), observamos unha posición estancada por riba lixeiramente do 5%  (pasou do 5,29 ao 5,27). Se tomamos a variable PIB per cápita, observamos que mentres o último dato dispoñible de Galicia é de 21.903 euros, en España esa cifra resulta ser de 23.690 euros, o que supón unha diferenza contraria á economía galega do 8%. Esta diferenza elévase ata o 39% se comparamos o PIB per cápita galego co do País Vasco, que se sitúa nos 30.401 euros.

En resumo: o crecemento das exportacións galegas é unha nova positiva que con todo fica ensombrecida polo incremento aínda maior das importacións, pola concentración esaxerada da actividade exterior en dous sectores e por implicar un avance nulo da economía galega sobre o total español.

Comentarios