Os galegos seguen a pagar o rescate bancario

Abanca recibiu 462 millóns de euros de diñeiro público procedente do FROB desde 2013. A Sareb é un dos grandes propietarios da Galiza. A sociedade creada polo Estado para rescatar á banca non ten deixado de rexistrar perdas desde a súa fundación en 2012, converténdose nun dos principais responsábeis do aumento da débeda pública no Estado. Practicamente unha década despois os galegos seguen pagando a factura da crise bancaria.
Sucursal de Abanca en Madrid. (Foto: Europa Press) #abanca #sareb #inmobiliaria #activosfinanceiros #vivenda #quebra #banco
photo_camera Sucursal de Abanca en Madrid. (Foto: Europa Press)

Os activos da Sareb na Galiza son moi importantes. Segundo os dados achegados pola propia sociedade, o popularmente coñecido como o banco malo conta con 8.157 propiedades, 2.735 das cales son vivendas. A maiores dos bens de uso residencial, dispón de 2.016 solos en desenvolvemento, 405 terreos de natureza urbana, 431 de carácter rústico e 2.103 prazas de garaxe. A parte máis importante destes activos están localizadas na Coruña con 3.790 e en Pontevedra con 3.064, dispondo de 679 en Lugo e 624 en Ourense.

As propiedades da Sareb proceden dos activos tóxicos existentes no balance das entidades de crédito rescatadas durante a Grande Recesión. Practicamente, 80% dos mesmos na Galiza facían parte da carteira de Caixa Galiza e Caixanova, receptora de máis de 9.400 millóns de euros de fondos públicos e beneficiada ao verse librada destas propiedades que lastraban as súas contas. A día de hoxe, o Estado só ten recuperado do rescate das caixas galegas 738 millóns de euros, tendo recibido Abanca desde 2013 do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) 462 millóns de euros.

As propiedades da Sareb na Galiza

Os bens da Sareb son obxecto permanente de litixio. A entidade ten vendido desde 2015, 522 activos e 289 vivendas, concentrándose o groso das transaccións nas áreas costeiras de Pontevedra e A Coruña. A este respecto, colectivos sociais ou a mesma patronal do sector inmobiliario critican que a entidade controlada polo Goberno do Estado non saque para o aluguer o seu parque de vivenda na Galiza, medida que axudaría a rebaixar os prezos dos contratos dos arrendamentos. Ao tempo, a falla de transparencia paira desde os comezos na súa xestión. 

A Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) fundouse en novembro de 2012 por esixencias do plan de rescate europeo para asistir e recapitalizar aos bancos do Estado. A súa constitución respondeu a un esquema de 45% de capital público e 55% de capital privado, “nun exercicio forzado de arquitectura contábel para evitar que as achegas do Estado computen como débeda pública”, en palabras da Comisión de Investigación da Crise Financeira do Congreso dos Deputados.

As entidades de crédito en dificultades transferiron ao Sareb os seus activos deteriorados por un valor total de 50.781 millóns de euros. A cambio, os bancos recibiron bonos emitidos pola Sareb, por unha contía de 50.781 millóns de euros que puideron descontar no Banco Central Europeo (BCE) co aval do Estado. Así, en opinión do xornalista económico, Andreu Missé, “aínda que a Sareb aparentemente era unha sociedade privada pola composición do seu capital, en realidade todo o risco era soportado polo Estado”.

Unha estratexia ao servizo da banca

O economista Carlos Sánchez Mato considera que “a creación da  Sareb foi unha estratexia para atrasar o recoñecemento das perdas das entidades afectadas pola crise”. Nesta liña, afirma que “se traspasaron inmóbeis e préstamos dos bancos crebados á  Sareb, pero cos prezos inflados, en 17.000 millóns de euros, segundo sinalou a Comisión Europea. Isto foi unha maneira de reducir o prezo do rescate. Se se transferiran os activos e préstamos a prezo de mercado o buraco bancario sería maior”.

Mato cualifica a creación da Sareb como “un notábel favor á banca, que durante os anos críticos 2012-2014 non tivo que provisionar polas desvalorizacións reais dos seus activos”. Así, a sociedade rexistrou perdas en todos os seus exercicios por unha contía de 5.075 millóns de euros, até o punto que en 2016 o Goberno veuse obrigado a aprobar unha norma para evitar que entrara en causa legal de disolución e puidera seguir funcionando. Neste sentido, Mato sinala que “unha das razóns do desastre foi que a pesar dos descontos, os inmóbeis e préstamos seguían estando claramente sobrevalorados”.

Eurostat ven de certificar o fracaso da iniciativa. A este respecto, un informe da oficina estatística da Unión Europea de 16 de febreiro desvelou que a Sareb supuxo un aumento da débeda pública estatal de 35.000 millóns de euros, o que elevou a súa contía de 117% a 120% do Produto Interior Bruto (PIB) en 2020. Un documento do pasado mes de xuño do organismo de supervisión financeira da Comisión Europea precisou que ademais do aumento da débeda pública, “a reclasificación da Sareb tería un impacto negativo de preto de 1% do PIB no déficit público de 2020”, isto é un quebranto de 11.000 millóns de euros.

A factura do rescate non para de medrar

Os dados achegados por Eurostat e o organismo de supervisión financeira da Comisión Europea veñen a confirmar que a factura do rescate bancario non deixa de aumentar. Ao tempo, as contas do Estado certifican que o aumento da débeda pública na última década está asociado aos mecanismos de salvamento do sistema financeiro.

Comentarios