A fusión de Orange é MásMóvil podería redundar en subas de prezo na telefonía

A operación inclúe á operadora galega R e pode ser parada por Bruxelas.
Unha sucursal de Orange (Foto: Europa Press).
photo_camera Unha sucursal de Orange (Foto: Europa Press).

Bruxelas informou esta terza feira de que ve problemas de competencia na fusión anunciada entre Orange e MásMóvil porque teme que se reduza o número de operadores de redes nos mercados comerciantes de servizos de telecomunicacións móbiles e de internet e iso redunde en "grandes subas de prezos" para as persoas usuarias.

MásMóvil é dona de Euskaltel, que á súa vez comprou no seu día a operadora galega R. Ao respecto, a Comisión Europea anunciou en abril o inicio dunha investigación en profundidade para determinar se a operación podería pór en risco a competencia na oferta de paquetes de servizos múltiples e no comercio polo miúdo de banda larga móbil e fixa.

No seu exame preliminar, concluíu que o proxecto de empresa "pode reducir a competencia na prestación polo miúdo de servizos de telecomunicacións móbiles e internet fixo, así como de paquetes de servizos múltiples".

"Os efectos anticompetitivos previstos son substanciais, incluso tendo en conta os posíbeis aforros de custos, nun contexto no que a competencia foi un motor de investimento e calidade dos servizos no mercado", informou a Comisión Europea ao respecto.

Bruxelas lembra que Orange e MásMóvil son o segundo e o cuarto maior provedor de servizos da internet móbil e fixo no Estado español, onde operan catro grandes provedores de redes móbiles -con Telefónica e Vodafone-. 

Porén, explica a Comisión Europea, tamén existen tamén varios operadores de redes virtuais móbiles e fixas que utilizan as infraestruturas dos operadores de rede para ofrecer servizos.

Até o 4 de setembro para decidir

A operación foi notificada a Bruxelas o 13 de febreiro e, tras a investigación aberta en abril e o prego de cargos notificado agora, ábrese un prazo até o 4 de setembro para que os servizos comunitarios tomen unha decisión.

Comentarios