Abanca logra máis de 200 millóns en plusvalías pola súa participación en R

A compra de Euskaltel por MásMóvil reportará á entidade galega 90 millóns polo seu 4,48% dos títulos
Oficinas centrais de R na Coruña (Xoán Roberes)
photo_camera Oficinas centrais de R na Coruña (Xoán Roberes)

MásMóvil e Euskaltel están dispostas a conformar un novo xigante das telecomunicacións no Estado español. A firma presidida por Meinrad Spenger e controlada por Gaea Inversiones conta xa co visto bo de Zegona, Kutxabank e Corporación Alba, posuidores de 52% das accións de Euskaltel, á Oferta Pública de Adquisición (OPA) anunciada esta mesma semana.

O grupo resultante, no caso de que a operación se materialice, contaría cuns ingresos estimados de aproximadamente 2.700 millóns de euros e máis de 1.500 empregados. Ademais sumaría 14 millóns de liñas e 26 millóns de fogares conectados con fibra. Nel quedarán diluídas as 280 persoas que traballan en R e Telecable e a propia identidade corporativa da cableira galega, que será unha máis das múltiples denominacións comerciais que abrangue o novo grupo, entre as que figuran Euskaltel, Virgin Telco, MásMóvil, Pepephone, Yoigo, R ou Telecable.

Se a parte galega da operadora queda reducida, coa participación accionarial podería acontecer algo semellante. De momento Abanca, o único accionista galego que queda no grupo vasco, non se pronunciou sobre se ten pensado acudir ou non á OPA. No caso de o facer, o seu paquete de accións (controla 4,48% de Euskaltel) tería un valor próximo aos 90 millóns de euros

Venda a Euskaltel

Mais non é a primeira vez que Abanca gaña cartos á custa de R. En 2015, cando Euskaltel comprou a cableira galega por 1.190 millóns de euros, a entidade que preside Juan Carlos Escotet controlaba 30% da firma de telecomunicacións, unha participación herdada das antigas caixas e pola que obtivo, segundo a súa memoria dese ano, 203 millóns de euros en plusvalías. 

Cobrou 600 millóns pola venda do seu paquete accionarial e unha porcentaxe en accións, que completaría até a súa participación actual após destinar 80 millóns de euros á ampliación de capital realizada por Euskaltel precisamente para financiar a compra de R. 

No caso da operación de MásMóvil, Abanca non ten moito que dicir dado o seu escaso peso no accionariado, aínda que será determinante para que a compradora poida alcanzar 75% dos apoios necesarios para sacar a diante unha operación na que os fondos de investimento (Gaea Inversiones e Zegona, no caso de Euskaltel) son os que teñen o control. 

Porén, en R hai certa preocupación. Por unha parte, como xa advertiron os sindicatos, é fundamental garantir a continuidade dos postos de traballo unha vez fechada a operación. Por outra, fontes financeiras apuntan á posibilidade de desinvestimentos en infraestruturas para sufragar a operación, xunto cun crédito e emisións de bonos por preto de 3.500 millóns de euros ─2.000 millóns para a operación e outros 1.500 millóns para refinanciar a débeda de Euskaltel─.

De feito, a venda da rede de cable de R (291.000 quilómetros de cable repartidos por todo o país) leva soando desde finais de 2019, unha operación que suporía, segundo denunciou o comité, "descapitalizar" a compañía e soterrar 70 millóns en subvencións da Xunta da Galiza.

Camiños cruzados

Á marxe do que aconteza finalmente no eido laboral, a operación deixa como curiosidade o reencontro dos camiños de Arturo Dopico, o que fora conselleiro delegado de R durante os anos de maior crecemento, e a cableira galega. Dopico e outros dous ex directivos da firma galega, Pablo Iglesias e Paco Rodeiro, ficharon en 2019 pola firma lusa de telecomunicacións Nowo/Oni, controlada desde hai seis meses polo grupo MásMóvil.

No momento da súa fichaxe, o seu paso por R foi un dos aspectos máis destacados pola operadora. Está por ver se, no caso de saír adiante a OPA, se produce algún tipo de reorganización interna que poida achegar estes directivos á firma da que saíron hai xa máis dun lustro. Queda pendente tamén a reorganización dos consellos e o futuro da ex conselleira Beatriz Mato en Euskaltel.

Comentarios