Fruga e SLG denuncian na Valedora do Pobo a prohibición dos mercados de proximidade

Posto no mercado de Abastos de Compostela (Arxina).
photo_camera Posto no mercado (Arxina).

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (Fruga) rexistraron unha queixa perante a Valedora do Pobo para denunciar a prohibición de manter mercados locais de alimentación na Galiza.

"Estamos fartas de que as distintas administracións se pasen a pelota entre si sen exercer as súas competencias nesta materia, mentres vemos con asombro como outras comunidades autónomas regulan e autorizan este tipo de mercados ", explican.

Isto é posíbel, como argumentou o gabinete xurídico que redactou a denuncia dirixida á Valedora do Pobo, porque "non hai ningún artigo ou decreto que prohiba os mercados alimentarios de proximidade, e si varios que obrigan a garantir a libre circulación e comercio de bens de primeira necesidade como os alimentos".

A mediados deste mes, Fruga e SLG rexistraron na consellaría de Medio Rural unha proposta de protocolo para regular a celebración de feiras e mercados alimentarios de proximidade na Galiza mentres dure o estado de alarma.

Aliás, a Asociación Agraria da Galiza transmitiu ao Ministerio de Agricultura unha solicitude formal para a reapertura dos mercados gandeiros, tanto na Galiza como no resto do Estado.
 

Comentarios