Fruga propón empregar os fondos da UE na creación dun grupo lácteo galego

A Federación Rural Galega considera que os fondos europeos Next Generation deben servir para a creación do Grupo Lácteo Galego.

Vacas nunha explotación leiteira (Xunta).
photo_camera Vacas nunha explotación leiteira (Imaxe: Xunta)

A raíz das declaracións da empresaria Carmen Lence, sobre a necesidade de crear un grupo lácteo galego, Fruga propón que os fondos da UE Next Generation se empreguen na constitución deste proxecto.

“Queremos amosar a nosa total sintonía coa creación deste proxecto transformador. Foi unha petición da Federación Rural Galega desde o seu nacemento, e a día de hoxe vai sumando máis apoios dentro do sector lácteo galego”, lembra a Fruga nun comunicado de prensa.

Unha boa parte do leite que se produce na Galiza, advirte a Fruga, non é transformado no territorio galego, e o que se transforma “está destinado a produtos cun escaso valor acrecentado, como pode ser o leite líquido envasado”. A venda de produtos de alto valor, expón o sindicato, representa “unha parte exigua dos produtos postos no mercado” por parte das empresas que operan na Galiza.

Galiza, pese a redución do número de granxas leiteiras, segue a ser unha potencia en produción de leite, sendo a primeira comunidade no estado español, con perto do 40% da produción total do Estado.

“Unha boa parte da produción láctea galega, aproximadamente o 30% do total producido, marcha en cisternas para despois ser transformada noutros puntos do Estado”, lamenta a Fruga, que lembra que “malia a redución do número de granxas leiteiras, Galiza segue a ser unha potencia en produción do leite”. De feito, é o primeiro territorio no Estado español, con perto do 40% da produción total.

Prezos máis baixos

Lembra tamén a Fruga que as granxas galegas sofren os prezos máis baixos do Estado. Sinala ao respecto que Asturias, Catalunya, Andalucía ou Euskadi, lugares onde hai unha presenza de grupos lácteos de base cooperativa, contan con cantidades maiores. “A industria láctea asentada na Galiza utiliza a produción galega como a gran xeradora dos seus beneficios. É onde menos pagan, e cos baixos prezos pagados na Galiza poden aumentar os seus beneficios e seguir pagando prezos máis altos noutros puntos do Estado”, engade a federación, que denuncia que a Galiza é, “máis unha vez, xeradora de materia prima barata para a industria española e francesa”.

Neste contexto, a Fruga considera vital unha industria propia, “podendo ser de base cooperativa, que sexa capaz de conseguir o maior valor acrecentado para a produción leiteira galega”. Isto, advirte, “non se vai conseguir con multinacionais, que soamente veñan á Galiza conseguir materia prima barata para despois investir os beneficios fóra das nosas fronteiras”.

“Non queremos unha Alcoa do sector lácteo, que en calquera momento pode abandonar a súa actividade no país, e deixar en difícil situación os gandeiros e gandeiras galegas”, salienta o comunicado.

Por último, a Fruga empraza a Xunta da Galiza a “ter en conta” as peticións formuladas, “que a día de hoxe xa non son demandadas unicamente pola Federación Rural Galega”. “É preciso unificar o maior número de proxectos do sector, para así conseguir unha comercialización forte, que redunde nun maior beneficio para os produtores e produtoras galegas”, agrega.

Comentarios